Mostrando entradas con la etiqueta fortaleza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fortaleza. Mostrar todas las entradas

sábado, 12 de enero de 2008

A TORRE DA BARREIRA: UNHA FORTALEZA DA MITRA COMPOSTELÁ.

I.- CONTEXTO HISTÓRICO DA TERRA DE TABEIRÓS.
A terra de Tabeirós, doada á Igrexa do Santo Xacobe por Dona Urraca tivo o seu centro de poder, por medio de xuices meiriños nomeados polos Arcebispos e o Cabildo da Mitra Compostelá na Fortaleza da Barreira, verdadeiro signo de poder ata que foi derrocada polos Irmandiños e posteriormente, esquilmada ata quedar reducida a uns mínimos vestixios cubertos de maleza.
A Igrexa de Santiago ou a Dignidade Arcebispal, como se coñece ás veces, recibeu sobre todo, por parte dos monarcas e dos nobres unha enorme cantidade de riquezas e terras que lle deron poder e prestixio ós Arcebispos que a rexiron. Pero estes, sempre desconfiados destas doacións, que ás veces facíanse por compromiso momentaneo ou por un agradecemento puntual, tentaban por tódolos medios que esas doacións foran corroboradas polos novos reis que subían ó trono e sobre todo polos sumos pontífices, para que foran estes, co seu prestixio universal, os que lle deran lexitimidade cuase transcendente a estas dádivas. Estas confirmacións facías o papa por medio de bulas pontificias, nas que, despois de facer a súa presentación, daba unha relación dos territorios pertencentes á mitra e seguidamente unhas aseveracións para salvar de calquera codicia humán estas posesións. Quedaban deste xeito estas terras como sacralizadas e impedidas para que sobre elas se fixera un ataque por parte da nobreza, tan común na época medieval.
A primeira doación importante failla a Igrexa de Santiago Dona Urraca e data do 3 de xaneiro do ano 1115: “… eu Urraca, raiña de España pola gracia de Deus á unha co meu fillo Don Alfonso, xa bendecido e consagrado para as altas dignidades do reino; para remedio da miña ánima e da dos meus parentes, fago esta escritura de conformidade, a favor da Igrexa do Santo Xacobe e para ti Don Diego, segundo bispo desa igrexa…de todas estas herdades e igrexas que se detallan: en primeiro lugar, Camanzo co seu mosteiro e coa súa fantástica riqueza e co seu beneficio…E doulle ademais, a seis igrexas que están arredor do Castro de Bite e o río Ulla, co seu saión, co seu débito e co seu foro…para que así, igual que as eu ostentei ata o de agora con todo o meu dereito, dende este día, todas estas posesións leven consigo, baixo o meu xuramento, o dominio do Santo Xacobe e así sonlle entregadas e confirmadas…Estas son as igrexas do Castro de Bite, que a man do escribán omiteu por esquecemento: …San Martiño de Dornelas, Santa María de Río Malo, San Salvador de Río Malo, San Miguel de Castro, Santa Eulalia de Cira e San Pedro de Orazo, coa súa xente e coas súas pertenzas. Eu Urraca, raíña de España pola gracia de Deus, firmo esta carta que mandei facer polo meu propio poder e autoridade. (1)
(1) López Ferreiro, A. Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago, T. III. Apéndices Nº XXXII. Traducción do latín ó galego: Gulías Lamas, X. Revista “O Quince” 2004. Ed. Concello de Beariz. pax. 21-23.

O día 8 de abril do ano 1154 o papa Anastasio IV confírmalle á Igrexa de Compostela os seus previlexios e as súas posesións: “…Anastasio, bispo, servo dos servos de Deus…ó irmán Pelaxio, bispo desa Igrexa, … polo que lle confirmo as posesións que esa Igrexa ten en …Montes quos Suarios Froilet quendoque a vestra ecclesia tenuit. Taveirolus cum ecclesiis et possessionibus quas ibi habeatis… Eu Anastasio, bispo da Igrexa católica. Custodi me Domine, tu pupilam oculi. Dada en Letrán no ano MCLIIII, sendo Pontífice Anastasio IV. Primeiro ano do seu Pontificado”.(2)
(2) Tumbo B. fol. 266.

O día 3 de setembro do ano 1165 o rei Fernando II dónalle as Terras do Deza á mitra Compostelá como desagravio polas inxurias que esta recibira con motivo da aversión que lle tomaran ó arcebispo Don Martín. Neste documento sinálanse os lindes das terras de Deza “…imprimis quomodo dividit ipsa Decia cum castello Cirae… et inde quomodo dividit cum Taveirolos e inde quomodo dividit cum Montibus…”(3)
(3) Tubo A. fol. 48; Tumbo B. fol. 70. López Ferreiro. Hª de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. Tomo IV. Apéndices. paxs 89-91.

O día 12 de abril de 1173 dispúñase a partir para Roma o bispo de Salamanca e Arcebispo electo de Santiago D. Pedro Suárez de Deza que fixo na igrexa Compostelá varias reformas entre as que cabe suliñar a distribución da diócese en cinco distritos, adxudicándolle ó Deán o goberno e a administración dun deles e os catro restantes a catro Arcediáns. O título que asignou a cada un dos catro arcediáns foron o de Nendos, o de Trastámara, o do Salnés e o de Cornado. Estes catro subsistiron ata o Concordato de 1851. Ó Arcedián do Salnés correspondíanlle os Arciprestazgos de Montesacro (Ribadumia), de Tabeirós, dos dous Montes (Montes e Cotobade), de Moraña, do Salnés e do Morrazo. (4)
(4) López Ferreiro, A. Hª de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. T. IV. Cap. XV. paxs. 311 e seguintes.

Na constitución que se fixo o 17 de maio do ano 1177 pola que o mesmo Arcebispo D. Pedro III fixou o número e as atribucións dos Arcediáns da Igrexa de Santiago fálase dos “…Archipresbiteratibus de Montesacro et de Tabeirolis et de utriusque Montibus”.
(5) López Ferreiro, A. Hª. de la Santa A.M. Iglesia de Santiago. Tomo IV. Apéndices. paxs. 122-124.

Todas estas posesións e previlexios da Igrexa de Compostela son de novo confirmados mediante a Bula de Alexandre III que di así: “ Alexandre, bispo, servo dos servos de Deus, ó venerable irmán Pedro… confirmo as posesións que ten esa Igrexa “…de Montibus utriuque, de Taberiolis et de Cira, de Pilonio…Montes quos Suarios Frile quandoque a vestra ecclesia tenuit cum altera medietate integros; Tabeirolos cum ecclessies et posessionibus quas ibi habeatis… Eu Alexandre, bispo da Ig. Católica, confirmo: Vias tuas, Domine, demostra mihi. Dado en Letrán a 13 días das Kalendas de abril do ano da encarnación do Señor de MCLXXVIII, do ano XX do pontificado do papa Alexandre III”. (6)
(6) Tumbo B. fol. 234. López Ferreiro, A. Hª. de la Santa A. M. Iglesia de Santiago, T. IV. Apéndices pax. 134.

En pleno século XII xa estaban perfectamente definidas pois asi atopamos unha referencia o día 8 de maio de 1187, cando Pedro Muñíz Tacón e a súa dona María Pelaez donáronlle á Igrexa de Santiago “unha erdade en Moimenta, nas terras de Tabeirós…” (7)
(7) Tumbo C. fol 180. / OC. Tomo V. pax. 23.

No ano 1188, é o rei Alfonso IX de León quen lle confirma á Igrexa de Santiago as súas posesións: “…Eu o rei Alfonso, igualmente que o fixera o noso pai, o victoriosísimo señor, o rei Fernando…confirmamos e corroboramos a perpetuidade e para sempre as vosas valiosas posesións entre as que enumeramos as seguintes: Deza, Salnés, Citofeita, O Burgo, que se coñece como Pontevedra coa igrexa e terras; a que se coñece como val do Morrazo; a terra que se chama Montes na que está o castelo de Cotobade e a metade daqueles Montes que foron de Suárez Frilaz, aínda que a outra metade xa a poseía a vosa igrexa; as terras de Superato co mostesteiro de Mezonzo; toda a cidade de Compostela; o Burgo do Faro…as terras que ten en Castela o santo Xacobe; a metade de Souto e as que están onda o Burgo da ribeira do Avia; a metade de Rebordáns e Amarantes…” Esta carta foi redactada en Zamora nas IV nonas de maio da era MCCXXVI, reinando D. Alfonso, rei de León, Galicia, Asturias e Extremadura. (8)
(8) Tumbo A. fol. 58. Lópeza Ferreiro, A. Hª de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. Tomo V. Apéndices, paxs. 3-7.

Tabeirós, co seu centro capitular na Barreira, foi gobernado por medio de Xuices meiriños que emanaban o seu poder directamente do Arcebispo e do cabildo compostelá. Había tamén os xuices seglares que aparecen nos tempos de Alfonso X, o Sabio e a forma de elección foi acordada no artigo II do Diploma expedido por este rei, en Sevilla o 21 de febreiro de 1261. Nun principio o nomeamento destes xuices seglares, dependian tamén directamente do prelado. Máis adiante os burgueses aspiraron a participar neste nomeamento e estas dúas tendencias puxoasen armonía o rei Alfonso X, co citado Diploma. A lei mandaba que o día primeiro de cada ano o Concello presentara unha proposta de doce homes honrados para que entre eles o Arcebispo elexira dous “dos que pensara foran mellores para o cargo”. (9)
(9) López Ferreiro, A. Hª de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. Tomo IV. paxs. 214-215.
Pero a elección dos meiriños, que eran os que estaban ó forontes das fortalezas da mitra e eran os reponsables de defendelas de calquera ataque, ó tempo que impartían xustiza, segueu dependedo directa e exclusivamente do Arcebispo ou do cabildo, no caso de que a sede estivera sen mitrado, como sucedeu na vacante que segueu á translación de don Alonso de Fonseca á diócese toledá. Neste caso, o Cabildo, o 9 de maio de 1524 nomeou vicarios capitulares ó Chantre D. Xoán de Melgarejo e ó coengo, D. Xaquín Auñón. Dous días despois, o Cabildo facultou ó bispo de Trípoli, D. Pedro de Soto, para exercer pontificais en toda a Diócese de Santiago. Por eses días procedeu o Cabildo a nomear Vicarios e Alcaides (Xuices Meiriños) das fortalezas pertencentes á mitra e a recibir o xuramento dos confirmados en tales cargos. Así, o 9 de maio, Xoán de Cangas, alguacil que fora do arcebipo D. Alonso, presentou a vara no Cabildo e xurou desempeñar ben e lealmente o seu oficio, asignándoselle un salario de 1500 marabedís mensuais. O mesmo Cabildo nomeou Vicarios na Audiencia Metropolitana de Salamanca ós licenciados Figueroa e Mohedano; Vicario da Coruña e da súa xurisdición ó coengo da Colexiata D. Xoán López de Prabio e Alcide maior a D. Francisco de Rivas. “…nos días seguintes recibeuse o xuramento de Arias Pardo, (pai do futuro arcebispo de Santiago, D. Xoán Tavera), alcaide da Barreira, xurisdición de Tabeirós; de Alvaro Xuarez, alcaide de Montes; de Gregorio de Valladares, alcaide de Lobeira; de Fernán Díaz de Ribadeneira, alcaide de Mesía; de Rodrigo Fernández de Noguerol, alcaide de Rodeiro… de Gómez García de Campo, alcaide da fortaleza de Rivadulla…” (10)
(10) López Ferreiro, A. La Iglesia Compostelana en el siglo XVI.Cap. III. pax 83 e segts. Ver “Revista Cultural O Quince 2004”, Ed. Concello de Beariz, pax. 25.

A traveso da Idade Media, Tabeirós non só aparece nos documentos relacionados coa Igrexa de Santiago, á que pertencía por doación real e da que tiña dependencia executiva, lexislativa e xurídica, senón tamén en documentos moi alleos a estes porque varios dos fillos destacaron no mundo das letras, tan pobres e escasas por esas datas. Asi, se nos remontamos ós tempos de D. Rodrigo Gómez de Traba, que era o principal señor de Galicia, nos tempos do rei Alfonso XI, este nobre, tiña na súa casa e servidume dun príncipe. D. Rodrigo

XESÚS ANTONIO GULÍAS LAMAS, Santa María de Beariz de Montes, 2005.

LÉXICO DAS FORTALEZAS MEDIEVAIS

ADARVE: Camiño que hai detrás do parapeto, no alto da fortificación. Coñecido tamén como “camiño da ronda”. É a parte superior das murallas, por onde pasean os vixiantes.
AMEA: Cada un dos prismas, polo regular rectangulares ou pentagonais que coroan os muros dunha fortificación.
APARELLO: Xeito de colocar os sillares ou a mampostería.
APROCHES: Traballo que realizaban os atacantes para invadir unha fortaleza. Son as trincheiras.
ASPILLEIRA: O equivalente a unha seteira: fina abertura no muro, normalmente con verteluces ó interior.
BACÍA: Baixela ou peza cóncava.
BALESTRA: Arco de madeira que serva para lanzar frechas.
BALUARTE: Obra dunha fortificación pentagonal que sobresae da muralla. Sitúase normalmente nos ángulos saintes. Componse de dúas coroas formando ángulos ó exterior e unha entrada polo interior.
BARA DE CASA: Úsase como referencia á torre da homenaxe, ou torre principal.
BARBACANA: Recinto fortificado exterior, avanzado e aillado. Estaba pensado para defender portas ou cabezas de ponte. Ven sendo unha segunda muralla, despois da principal. Tamén defende ó foso, no caso de habelo.
BRAZA: Medida de lonxitude, equivalente a 1. 69. ms.
CALICANTO: Obra de mampostería.
CAPACETE: Peza dunha armadura que servía para defender a cabeza.
CASTELO: Lugar forte, cercado de murallas, baluartes, fosos e outras fortificacións.
CIDADELA: Recinto fortificado permanente no interior dunha fortaleza.
CONTO: Cantidade equivalente a un millón.
CONTRAESCARPA: Plano inclinado que forma o foso (onde o hai), na parte oposta á que se asenta a muralla.
COROA: (Guirnalda): Obra exterior da fortificación, composta por un baluarte e dous medios baluartes unidos, unidos polas súas correspondentes cortinas. Componse de dous hornabeques xunguidos. Esta figura pode complicarse cando se une e relaciona con outras.
CORTINA: Lenzo ou sector da muralla entre torres, baluartes ou esquinas. É a parte recta do recinto amurallado.
CUBO: Torreón circular do recinto amurallado.
DOVELA: Pedra labrada ó xeito de cuña que serva para facer arcos ou bóvedas.
ESTACADA: Defensa exterior formad por paus.
EXPLANADA: Espacio descuberto e con pendente suave que hai diante e no exterior das fortalezas. Tamén se chama glacis.
FLANCO: Cada unha das caras dun baluarte.
FORTALEZA: Recinto fortificado.
GÁRGOLA: Cano de desaugue, colocado nas esquinas dunha edificación.
GARITA, TORRIÑA, GARITÓN: Torre redonda ou pentagonal colocada nos ángulos, vértices ou puntos saintes dunha fortificación.
GRADA: Peldaño.
GUINDASTRE: Dous paos elevados e unidos en ángulo, sostidos por un par de tirantes ou ventos, que serven para elevar as pedras nunha contrucción.
GUIRNALDA: Coroa dunha torre. É a obra exterior da fortificación. (consultar “coroa”).
GLACIS: Espacio que hai descuberto e con lixeira pendente.
GUIRNALADA: Obra exterior da fortificación, composta por un baluarte e dous medios baluartes unidos polas súas correspondentes cortinas. Úsase ás veces en vez de coroa.
HORNABEQUE: Obra exterior dunha fortificación composta de dous baluartes unidos por unha cortina. A capacidade defensiva é superior á da tenace e inferior á da coroa.
LENZO: Fachada dunha edificación que se extende dun lado a outro.
LIÑA MAXISTRAL: Parte superior da escarpa dun muro.
MAINEL: Elemento longo e delgado que divide un oco en dúas partes, verticalmente.
MAMPOSTO: Obra de mampostería: pedras sen labrar.
MATACÁN: Saedizo ou obra voadiza na parte alta dun muro, dunha torre ou dunha edificación. Tamén se coñece como “ladroeira”.
MECHICAL: Burato cadrado que se fai nos muros para meter nel ou apear vigas e pontóns.
MODILLÓN: Pedra sainte que pode estar ou non ornamentada, onde apea unha cornixa, lintel ou parapeto.
PARAMENTO: Calquera das dúas caras dun muro.
PÉ: Medida equivalente a 28 cms. (Esta medida non era igual en todas partes).
PEDRA DE GRAN: Pedra de granito.
PEITORIL: É un antepeito ou petril que se coloca nos lugares elevados para evitar caídas.
PETRIL: Muro de pedra que se coloca nas pontes ou arrimado ás edificacións, para evitar caídas, no primeiro caso e defendelas dos roces, no segundo.
PICOTA: Rolo ou columna de pedra onde se expuñan as cabezas dos reos ou dos axustizados.
PORTELO: Porta estreita por onde só pode pasar unha persoa.
POSTIGO: Porta falsa.
PONTE LEVADIZO: Ponte que se ergue á vontade dos defensores da fortaleza.
PULGADA: Medida equivalente a 2.33. cms. (Esta medida non era igual en todas partes)
RASTRELO: “Grade de ferro” que se coloca na porta dunha fortaleza.
REDUCTO: Obra da fortificación pechada por tódolos lados e sen flanqueos.
SALTEIRA: (adx.) Cando se refire a unha construcción, indícase que está realizada dun xeito tosco.
SOBRADO: Piso alto.
TORREÓN: Torre grande para defender unha fortaleza.
VARA: Medida equivalente a 9.33 cms. (Esta medida non era igual en todas partes)
VARA DE CASA: Ver “Bara de casa”.