sábado, 12 de enero de 2008

I. A TERRA DE MONTES NO CONTEXTO HISTÓRICO MEDIEVAL.

Non hai documentos escritos, do que foi propiamente, a data da fundación do Castelo do Castro de Montes, un dos signos máis importantes e emblemáticos das fortalezas da Mitra Compostelá, dende a Idade Media, e que aparece nos primeiros lugares, cando se fai reconto dos ‘castelos, fortalezas e casas fortes da Dignidade Arcebispal’. Os arcebispos composteláns mantiveron en pé todas estas fortalezas e castelos ata a revolta dos Irmandiños.

Moitas daquelas torres e castelos quedaron con esta revolta, derrocados, deteriorados e deshabitados. Outros reedificáronse, aínda que de xeito menos lustroso e fóronse conservando así, varios deles, ata a desamortización de Mendizabal. De aí en diante, (e algúns antes, como se pode coprobar polas datas que algunhas casas teñen nos seus linteis e que foron construidas con pedras desas fortalezas) sufriron todo tipo de esquilma e de rapiña, tanto por parte das autoridades eclesiásticas, (coido que de boa fe) como sucedeu no caso da torre de Caldas de Reis, que se desfixo totalmente no ano 1891, para levantar a igrexa de Santo Tomás de Aquino, que está á beira da estrada que une Santiago con Pontevedra, ou da torre da Barreira, coa que se fixo a igrexa de Codeso. E non digamos nada, por parte dos veciños, onde atoparon nestas torres, unha miragrosa canteira, para levantar as súas casas. Por poñer un exemplo, tanto na Barreira como no Castro de Montes, atoparon nos muros das fortalezas, a maneira máis doada de sacar a pedra para faceren casas, pendellos, muros de fincas e ata recheos de camiños. Tanto é así que no caso da Barreira eu teño recollido unha serie de marcas dos canteiros, en pedras que pertenceron á construcción medieval e forman actualmente parte dos muros de varias casas e de fincas no lugar de Besteiros, próximo a onde estivo ubicada a fortaleza. Outro exemplo é a capela de Nosa Señora do Castro. Todo o mundo pode imaxinarse que a pedra usada, procedía do Castelo do Castro de Montes, que está á súa beira e por esas datas estaba completamente abandoado. O mesmo sucedeu, anos máis tarde, coa fabricación de casas nos lugares do Outeiro e de Morgade, onde se atopan varias marcas dos canteiros nas pedras desas casas, e outras, que aínda que están sen marca, parece que teñen, no labrado, ese remate tan propio do románico.

Á vista dos datos que iremos vendo a traveso desta exposición, darémonos conta de que Montes, no século XII era xa un territorio perfectamente delimitado e definido e que todo esto viña dendo moito tempo antes de que todos eses acontecementos, que imos ver, sucederan. Comprendía pois, as terras que conforman na actualidade, con pequenas salvedades, os concellos de Beariz, Forcarei e Cerdedo.

Este territorio, como teremos oportunidade de ver con máis detalle, foi doado en dúas metades á mitra compostolá, aínda que non se especifica nestas doazóns, que terras pertenceron á primeira (nos tempos de Dona Urraca) e cales, á segunda (nos tempos de Fernando II).

Beariz, coas súas tres parroquias, pertence na actualidade, tanto á provincia como á diócese de Ourense; Forcarei e Cerdedo son da provincia de Pontevedra e constituien, -salvo algunhs parroquias- o arciprestazgo de Montes e forman parte da arquidiócese de Santiago.

Ten unha superficie de 282 Km. cadrados e di Álvarez Limeses, citando a Otero Pedrayo, di: “Da alta Terra de Montes que é a liña de alturas formada polos montes Chamor, Candán e Coco que os separan de Trasdeza, e da serra do Suido, divisoria entre as augas que flúen ó val do Avia e as que forman o Lérez e o Miño inferior, descende o relieve ata as amplas e altas penínsuas que se intercalan entre as rías de Arousa, Pontevedra e Vigo”[1].

Nestas terras nacen varios ríos importantes de Galicia: o Umia nace na parroquia de San Xoán de Meavía e desemboca en Cambados; o Lérez, faino na serra do Candán, na parroquia de Santa María de Acibeiro e ten a súa desembocadura na ría de Pontevedra; o Avia nace nas derradeiras estribacións da Serra do Suido, na parroquia de San Salvador de Xirazga, e fai dende o seu nacemento liña divisoria entre as terras de Montes e as terras de Avión e desemboca no Miño, abaixo de Ribadavia. Finalmente o Verdugo nace na parroquia de Santa Ana de Barcia de Xeixo e desemboca na ría de Vigo.

A parroquia de San Miguel de Presqueiras, é o “destrito” –como nos di Del Hoyo- onde estivo o Castelo do Castro de Montes, do que na actualidade quedan as cimentacións e unha pequena parte do que foi a torre da homenaxe e a vivenda dos meiriños. Pero sobre todo, quedan en pé os muros defensivos exteriores, na súa maior parte, aínda que cubertos de maleza, pero case en perfecta conservación. Abondaría unha pequena limpeza nese entorno, para permitir o estudio sobre o terreo e poder determinar, tanto onde estiveron os diversos edificios que había no Castro como as súas diversas fortificacións.

Di Álvares Limeses, ó referirse a esta parroquia: “Dista 30 Kms. de Pontevedra e 50 da Estrada. Linda (vencellada a Santa Mariña, parroquia de fundación recente) ó N. con Cerdedo, Folgoso e Ventoxo; ó sur con Xirazga e o monte Xeixo; ó L. con Pardesoa e a Madanela e ó O. con Cerdedo. O seu monte principal é o Xeixo, onde na súa ladeira oriental nace o río Currelo e os regatos Regueiro e Riazón. Hai nesta parroquia algunhas minas de estaño, lixeiramente explotadas. Abonda tamén o granito, que é de moi boa calidade[2].

A primeira referencia que hai de Montes na Compostelana, é unha carta de Dona Urraca con data “Sub Era I.C.L. et qt. maii”: na era milésima, centésima, quincuaxésima, que se corresponde ó mes de maio do ano de Cristo de 1112, na que di: Eu, Urraca, raíña de toda España co meu fillo, don Alfonso fago esta carta para vós, querido, Don Pedro Froylaz e para a vosa queridísima esposa Dona Maior Roderici… dos coutos e augas do Dozón, do Deza, do Arnego nos termos de Cusanca e de canto ten a casa de Varcena ademais do garantido en Deza e en Camba, e en Castela, e en Cusanca e en Montes e no Salnés…Eu, a raíña Dona Urraca, como xa teño escrito máis arriba, doulle e concédolle, querido Don Pedro e queridísima Dona Maior todas estas vilas e igrexas nomeadas anteriormente, porque asi mo ordeou o meu pai o rei Don Alfonso que vos criou e mantivo e polo fiel servicio que recibiu de vós ata o día de hoxe e pola crianza e mantenza do meu fillo Don Alfonso, para que teñades estas herdades vós e os vosos fillos e toda a vosa descendencia e na vida e na morte, fagades dende hoxe toda a vosa vontade”[3].

O día 14 de maio deste mesmo ano de 1112, a mesma raíña Dona Urraca confírmalle á Igrexa compostelá unha doazón que lle fixera o 13 de decembro de 1107, ó pouco da morte do seu marido, Don Raimundo de Borgoña, onde lle di: “Dónolle á vosa Igrexa e ós vosos sucesores, tódolos sobrados e casas terreas e todas aquelas herdades que foron de Diego Friolán”.

Todas estas cartas, máis que doazóns firmes, asemellan promesas feitas á présa, por unha persoa angustiada e acuciada polas circunstancias e para conseguir unha axuda inmediata, sen máis intencións cás de sair dun apuro momentáneo.

Pero a verdadeira doazón da Terra de Montes, que fará que co tempo, o Castelo de Montes sexa o lugar permanente da residencia dos alcaides ou xuices meiriños, nomeados polos arcebispos e o Cabildo composteláns, que como señores feudais, gobernaron esta terra, arranca o 3 de xaneiro do ano 1115, cando a mesma raíña Dona Urraca, viuva de Don Raimundo de Borgoña, filla de Alfonso VI e nai do que sería coñecido como o “Emperador”: D. Alfonso VII, ou Alfonso Raimúndez, lle doa ó arcebispo D. Diego Xelmírez “a metade da Terra de Montes que tiña recibido de min Vermudo Suarez, co seu saión, co seu débito e co seu foro… Así pois, queda claro que as vilas de Camanzo e Merza e as igrexas do Castro de Bite e igualmente Montes co seu débito e foro, entrégollas eu á Igrexa do Beato Xacobe…Dende este día, todas estas posesións, pasan, baixo o meu xuramento ó dominio do Santo Xacobe e sonlle entregadas e confirmadas. Esta escritura foi feita en Palencia, despois das III nonas de xaneiro. Era milésima, centésima, quincuaxésima terceira” (I.C.L. III)[4].

Esta doazón complétase cunha carta “…feita en Salamanca a dez días das kalendas de novembro da era milésima, duocentésima, décima cuarta” (MCCXIIII), na que o rei, Fernando II “…á unha co meu fillo Don Alfonso…dóolle e concédolle á igrexa compostelá e a vós Don Pedro, arcebispo desa queridísima igrexa e ós vosos sucesores, a perpetuidade, a metade de toda esa terra que se chama Montes, da que vós xa erades posuidores da outra metade, para que daquí en diante a posúades toda ela con tódolos seus dereitos e as súas pertenzas, con tódalas súas riquezas e cos nosos beneplácitos, para que libremente fagades con ela o que mellor vos pareza”[5].

A pesar de que todas estas doazóns estaban firmadas e confirmadas polos monarcas, non lle daban ós arcebispos composteláns tódalas seguridades de cara ó futuro. Sabedores, estes de que os compromisos reais rompíanse por calquera interés momentáneo, tentaban, mediante unha bula papal, a confirmación desas posesións, por parte da suprema autoridade eclesiástica. Así atopámonos, a traveso do tempo, con que estes, pedíanlle ó papa, que fora el, o que dende Roma, e coa súa autoridade universal, ratificara diante o mundo os bens adquiridos.

Unha das máis chamativas para a Terra de Montes é sen dúbida, a bula do papa Pascual II, na que lle confirma ó arcebispo Xelmírez tódalas posesións que a igrexa compostelá tiña nese intre, e que di así: “Pascual, bispo, servo dos servos de Deus, ó venerable irmán compostelán Diego, bispo desa igrexa e ós seus sucesores, para promovelos a perpetuidade con esta bula. Para que cando se fagan reclamacións inxustas non teñan algún efecto, nin cando lexítimamente se desexen, lles sexan arrebatadas pola forza. Así pois, irmán queridísimo en Cristo, respondendo ás túas peticións…poñéndonos á disposición da Santa Igrexa do beato Apóstolo Xacobe, para que deste xeito o seu cabildo descanse tranquilamente co dereito de propiedade e para que coñezamos ata onde se estenden as vosas parroquias….con completa tranquilidade sexan conservadas íntegras por vós e polos vosos sucesores, a perpetuidade, a saber: a terra de Superato, Dormiana, Babegio, Coronado, Merza, asi coma o arziprestazgo de Pelaxio dende Cicitello, O monte Sacro, A TERRA DE MONTES ATA O AVIA, o Morrazo, o Salnés, a terra das Termais, a terra de Arcade, a Iriense, o Pistomarco, Amae e outros montes, Prucios, Lovacengos, Arros, Nemitos, Bisancos, Terra do Faro, Coporos, Céltiga, Bergantiños, dous arziprestazgos nos Montaos, Dubria, Barcala, Salaxia, e Xentina, etc. ata o océano, tal e como se coñecen nas escrituras da mesma igrexa. Confirmamos pois que…dende a memoria do nobre rei don Alfonso e da súa muller Xeloria, igualemente Urraca que co seu rexio esposo Raimundo…que por medio do seu testamento lexítimo e segundo a escritura, fóronlle dados ó beato Xacobe e á súa igrexa…os mosteiros de Pilonio e Branderico…Declaramos pois que absolutamente a ninguén lle sexa lícito atacar ou perturbar a esta igrexa, etc… Dado en Letrán pola man de Xoán, diácono do cardeal e bibliotecario da Santa Igrexa de Roma a XI días das kalendas de maio, Indicat, III…no ano XI do pontificado do papa, o noso Sr. Pascual II”. Seguen a firmas[6].

Outra bula papal, na que aparece refrexada a Terra de Montes e na que se confirman tódolos previlexios e posesións da igrexa compostelá, é a de Alexandre III, escrita en Letrán a 13 días das kalendas de abril, no ano XX do seu pontificado, que se corresponde co ano de Cristo de 1178, onde di, entre outras cousas: “Alexandre, bispo dos servos de Deus, ó venerable irmán compostelán Pedro, arcebispo desa arquidiócese e ós seus sucesores, envíolles este memorandum a perpetuidade…como xa o fixeran os nosos antecesores, nesta sede apostólica, o papa Euxenio, de feliz memoria e o predilecto Anastasio…que lle é lícito poseer e percibir a esa Igrexa, honores e prevendas canónicas…por tanto confírmanse as posesións… do arciprestazgo do Morrazo e o de Entrambas Pontes o de ámbolos Montes… e tódolos mosteiros e a súas igrexas seguidamente sinalados…de Azevario, de Codeseda…e as posesións que tiñades ali en ‘Montes quos Suarios Froile quandoque a vestra ecclesia tenuit cum altera medietate integros’ ”[7].
[1] Álvarez Limeses, G. Geografía del Reino de Galicia. Provincia de Pontevedra. px. 265.
[2] Álvarez Limeses, G. Geografía del Reino de Galicia. Provincia de Po. paxs. 568-569.
[3] Tumbo C, fol. 118 V.
[4] Tumbo A. Fol. 31 Vº. López Ferreiro, A. Historia de la Santa Iglesia Compostelana. Tomo III. Apéndice XXXII. Traducción ó Galego: Gulías Lamas, X. Revista O Quince 2004. pax. 21. Edc. Concello de Beariz.
[5] Tumbo A. fol. 51 Vº . López Ferreiro, A. O.C. Tomo III. Apéndice Nº XLIX. Traducción ó galego: Gulías Lamas, X. Revista O Quince 2004, pax. 22,23. Edc. Concello de Beariz.
[6] Compostelana, Tm. I. Cap. XXXVI. López Ferreiro, A. O.C. Apéndices. Tm. III. Nm. XXVI. Traducción: Gulías Lamas, X. Revista Cultural O Quince 2004. px. 20. Edc. Concello de Beariz.
[7] López Ferreiro, A. O. C. Tomo III. Nm. LII. paxs. 126-134.

No hay comentarios: