sábado, 12 de enero de 2008

VI. VALORACIÓN DOS DANOS DO CASTELO DE MONTES.

Di así a acta notarial:
“Na nobre cidade de Salamanca, a once días do mes de outubro do ano do Nacemento do Noso Señor Xesu-Cristo de mil cincocentos vinteseis, en presencia miña Fernando de Briviesca, escrivano, tomado e nomeado por parte do Rvmo. señor don Juan Tavera, arcebispo de Santiago e Pedro González, escrivano tomado e nomeado por parte do Rvmo. señor Don Alonso de Fonseca, arcebispo de Toledo, pareceron presentes: Juan de Alava, mestre de cantería, veciño da referida cidade de Salamanca, xuiz tomado e nomeado por parte do dito Rvmo. señor arcebispo de Toledo e Juan Gil, mestre de cantería, veciño da referida cidade, xuiz tomado e nomeado por parte do Rvmo. señor arcebispo de Santiago, para ver e tasar os reparos das fortalezas e casas que están en pé, do arcebispado de Santiago, os cales dixeron que viran coa viasta dos ollos, e tasados tódolos reparos delas, declaráronos de xeito e maneira seguinte”[1].

Os peritos fixeron a valoración de danos no Castelo do Castro de Montes o día sete de setembro do ano 1526 , é dicir, trinta días antes da data na que os referidos mestres canteiros se presentaran diante dos escribáns para dar conta e facer constancia de que visitaran a fortaleza do Castro de Montes e valoraran os reparos que había que facer na devandita fortaleza de Montes.

“Primeiramente dixeron que atoparan a escaleira por onde entraron á casa, desbaratada e que era mester facer nela vintecinco pasos de pedra tal e como estaba ó principio, o que tasaron e regularon co seu pasamáns, en dous mil maravedís.

Tamén dixeron que atoparan o tellado desbaratado e asi mesmo dous chans con vigas de madeira que levaría en tempo… arranxar os tellados e os dous chans, tasáronos e reguláronos en dez mil cincuenta maravedís.

Tamén dixeron que se atopaba e atoparon a segunda escaleira que sobe ós tellados desbaratada e que era de madeira; esta consta de trece pasos e dúas vigas e co seu pasamán de madeira. Tasérono en dous ducados.

Tamén dixeron que se atopaba e atoparon un alxibe sucio e as xuntas sen betún; por limpar o alxibe e embetuna-las xuntas, tasárono en mil oitocentos setenta e cinco maravedís.

Tamén dixeron que valía unha arca grande e podre á que tasaron en dous ducados.

Igualmente atoparon unha pía de madeira para o servicio de lavar os pratos e as escudelas e tasárona en douscentos maravedís.

Tamén atoparon o tornarrodas da torre, onde rematan as paredes, desbaratado. O referido tornarrodas era de mampostería no que había vintedúas tapias de parede. Dixeron que tasaba e tasaron cada tapia en douscentos cincuenta maravedís, que suman un total de mil seiscentos maravedís.

Tamén dixeron que tasaban e tasaron porque era mester socalzar e enfeitar a parede que está debaixo do terrado menor no pano que está para ó medio día, e no pano que da para ó norte, porque nos dous panos había que enmendar e socalzar catro tapias de parede, que valen mil maravedis, xa que son de barro e pizarra.

Tamén dixeron que tasaban e tasaron o antepeito do valuarte para arranxar os portelos que ten. Mil quinientos maravedís.

Tamén dixeron que tasaban e tasaron un anaco do valuarte que está caído cara ó río, que abre seis tapias de parede de pedra seca, a ducado cada tapia, que suman seis ducados, porque a parede ten seis pés de groso.

Igualemente tasaron por limpar as hedras que hai nas cercas e arredor da casa e resanar as xuntas da casa con barro e pizarra en dous mil tres maravedís.

Igualemente dixeron que tasaban e tasaron por cubrir a cabaleriza e o forno co seu colmo e reparar o que fora mester, dous ducados.

Tamén atoparon que na cerca da horta faltaban por igualar algúns portelos que ten. Tasáronos en mil quinientos maravedís.

Tamén tasaron dúas portas de madeira: unha para a primeira porta da casa e a outra para horta… en dous ducados.

De xeito que suman estos reparos trinteun mil douscentos setenta e cinco maravedís, dos cales cargaron e fixéronlle cargo ó tempo do Rvmo. señor Patriarca, vinte mil maravedís porque foi nese tempo, cando se filleron os referidos estragos e no tempo do Rvmo. Arcebispo de Toledo dez mil douscentos setenta e cinco maravedís, porque nese tempo tamén se fixo outro dano e no tempo do Rvmo. señor arcebispo de Santiago os mil maravedís restantes, porque nese tempo tamén se fixeron outros danos, segundo parece, polo informe dos testigos”[2].

Á vista desta valoración de danos que fixeron as mestres canteiros Juan de Álava e Juan Gil como parte do proceso, penso que debemos concluir que o castelo de Montes non estaba nas mellores condicións de habitabilidade como podemos comprobar, tanto polo monto da tasación como pola cantidade de elementos importantes que se debían reparar, ou que faltaban como podían ser: os vintecinco chanzos da entrada; o “tellado desbaratado”; as vigas de dous pisos; as escaleiras de madeira que levaban ó tellado; un anaco de muro caido, na parte oriental, que gracias a esta tasación sabemos o que medían as paredes do Castelo: 6 pés de ancho, equivalentes a un metro con setenta centímetros. É interesante, ademais esta aclaración cando di “que abre says tapias de pared de piedra seca”. Cada tapia facíase, metendo entre dúas pedras grandes, tipo sillares de perpiaño, mampostería pequena e cascallo, mesturado con barro, motivo polo que os muros medievais acadaban espesores tan impoñentes. No caso este, di que era “pedra seca”, o que nos indica que o cascallo ía solto. Hai ademais dous detalles que non podemos deixar pasar de largo. Primeiro: estaba desfeito un dos tornarrodas, ou rebancos, que había onde remataban as paredes; e segundo: a mesma cimentación da torre quedara “tocada”, pois no relato di que había que arranxar varias tapias no pano que da “hacia madiodia” e no pano que da “hacia el norte”. Hai outros detalles menores, como pode ser a porta da casa e no exterior había que levar a cabo varios arranxos no muro que cercaba ó castelo.

Non hai constancia de que estes arranxos se fixeran nin como foi o resultado do arbritraxe. Vimos anteriormente o que custarían as obras do Castelo de Montes: un total de 31.265 maravedís. A tasación total de tódalas torres e castelos da mitra compostelá, que valoraron os dous mestres canteiros e que presentaron en Salamanca o día 11 de outubro de 1526 ascendía a 265.681 maravedís, dos cales 171.322, corresponderían ó tempo do Patriarca; 84.149, ó tempo do arcebispo de Toledo, e o restantes 10.210, ó Arcebispo de Santiago, monseñor Tabera[3].

Posiblemente, despois de “escoitar” ós testigos, o arcebispo de Toledo, pouco máis pagou, se é que o pagou, do que dí e promete, que non se sabe se o pagou, -o máis probable, é que non o pagara- xa que nos di no I Concilio de Alcalá o 28 de xaneiro de 1534, (oito anos despois do proceso) onde o Arcebispo Fonseca III, se reafirma no que sempre mantivo, antes e durante dito proceso:”...cremos certamente que tanto o Sr. Patriarca coma nós non temos abriga de cousa algunha con relación ós danos das fortalezas, por moitas razóns, xa alegadas no proceso desa causa… polo que temos a conciencia tranquila..., porque tanto a súa señoría coma nós poideramos ter razón dos danos e reparos feitos nas referidas fortalezas... mandamos dous “contos” de maravedís á Igrexa de Santiago e ó señor arcebispo, no seu nome, para que os gaste naquelas partes, lugares e fortalezas desa Santa Igrexa, (ou) onde mellor lle parecera e onde máis lle conveña... e pedimos que o señor cardeal arcebispo os reciba e teña por ben darse por satisfeito, cos devanditos dous “contos” de maravedís...se esto non lle parecera suficiente que quede o seu dereito a salvo e (tamén) cada unha das partes”[4].

Non hai constancia de que eses “dous contos” de maravedís, que prometeu o arcebispo de Toledo, chagaran a Santiago, dada a enorme cantidade de cartos que esto supoñía. Parece, máis ben, unha ¡finísima ironía!, propia dun galago, tan intelixente coma Fonseca III.

O día 4 de febreiro de de 1534 morría en Toledo, D. Alonso de Fonseca y Ulloa.

Foi proposto para ocupar a mitra do primado de España, nin máis nin menos có arcebispo de Santiago, D. Juan Tabera.

Este feito púxolle fin ás liortas, peterrías e pleitos que poideran existir sobre o asunto dos pagos polos danos sufridos nas fortalezas que pertencían á mitra compostelá.

Podemos concluir que ¡a mitra de Toledo, ben pagaba un pleito!.

Pero gracias a este pleito, somos capaces de achagarnos, no día de hoxe, aínda que sexe de xeito meramente conceptual, á Torre do Castelo do Castro de Montes e contemplar aquela maravilla dende a que se gobernou esta terra durante a Idade Media.
[1] T-F. px. 575. N.B. A transcripción ó galego foi realizada polo autor: X. Gulías.
[2] P. T-F. fols. 1-3. paxs. 577-578. N.B. Transcripción ó galego: X. Gulías.
[3] (Ver) Rodriguez González, A. Introducción ó Proceso, pax. IX.
[4] “…creemos y tenemos por cierto que el dicho señor Patriarca ni nós, somos obligados a cosa alguna de los dichos daños, e por muchas raçones que están alegadas en el proceso de la causa, proponiendo satisafación e seguridad de nuestra conciencia e a la del dicho señor Patriarca, en satisfación e carga de cualquier pago e obligación que su señoría e nos, pudieramos tener por raçón de los daños e reparos de las dichas fortalezas; mandamos “dos cuentos” de maravedís a la dicha Santa Iglesia de Santiago e al señor arçobispo en su nombre, para que los mande gastar en aquellas partes e lugares e fortalezas de la dicha Sancta Iglesia que le pareciere e viere que mas convenga…e pedimos que el señor cardenal arçobispo lo haga y tenga por bien, contentarse con los dichos “dos cuentos” de maravedís, e si desto no fuera contento, que quede su derecho a salvo e (también) cada una de las dichas partes” Rodriguez González A. Las Fortalezas de la Mitra Compostelana. Prólogo. Pax. IX.

No hay comentarios: