sábado, 12 de enero de 2008

VIII. DESAMORTIZACIÓN E FUXIDA DAS PEDRAS DO CASTELO DE MONTES.

Co translado definitivo dos xuices meiriños a Soutelo de Montes, o deterioro do Castelo do Castro de Montes era un feito irreversible. O tempo e un desencadeamento de circunstancias adversas, encargáronse de poñer os medios para que este desaparecera case da face da terra.

A primeira obra que se fixo coas pedras da construcción medieval, posiblemente fose a capela de Nosa Señora do Castro, da que nos da razón, como vimos, o Cardeal Del Hoyo. É de supoñer que despois de dous séculos e medio de abandono, (inicio do século XVII ata ben mediado o século XIX) a esquilma deste monumento fora xeneralizada, como sucedeu noutras fortalezas pertencentes á mitra compostelá.

Coa subida ó trono de Isabel II, empezaron unha serie case ininterrumpida de guerras civís, coñecidas como as guerras carlistas, que arruinaron a facenda pública de tal xeito, que o estado non era capaz de pagar siquiera os intereses da déveda externa. Para solventar este problema que xa viña padecendo o país dende 1806, o papa Pio VII, xa nese ano autorizou a venda dunha séptima parte dos predios das igrexas, mosteiros e conventos das catro ordes militares.

En España, a concentración de “terras mortas” nas mans duns poucos e a falla de campesiños propietarios que fixeran producir esas terras máis cós actuais propietarios: nobres e eclesiásticos, fixo deste problema unha cuestión social, que o estado intentou resolver por medio de varios decretos. Pero o proceso da desamortización eclesiástica, foi longo e complicado.

Os primeiros decretos xurden xa nos anos 1809 e 1813, pero tiveron escasa repercusión. No ano 1820 inténtase poñer en vigor o promulgado en 1813, que xurdiu das Cortes de Cádiz. Así pois, nese ano de 1820, suprímense tódolos mosteiros das ordes monacais, coengos de San Agustín, premostratenses, conventos e colexios das ordes militares; os de San Xoán de Xerusalén; os de San Xoán de Deus e tódolos hospitais.

Aínda que se venderon algunhas das mellores fincas, os recursos que sacou o estado destas vendas, foron nefastos, porque a caida do réxime constitucional, fixo inoperante o decreto de 1820, e os bens vendidos, tiveron que ser devoltos ós seus antigos propietarios co conseguinte prexuizo para ós compradores.

A rexencia de Isabel II apoiou ós liberais en contra do absolutismo defendido polos carlistas, poñendo de actualidade novamente a desamortización. Así, o 19 de febreiro de 1836, Mendizabal logra que as Cortes aproben a lei de desamortización eclesiástica, que se fixo coa finalidade de “amortizar la deuda pública”, agrandada nese intre, polas guerras carlistas. Con esta lei os bens do clero secular, quedaban postos por primeira vez á venda. Pero hai que suliñar, que esta lei, obra persoal do ministro Medizabal, non tivo aplicación ata 1840.

A normativa da lei proposta por Mendizabal levaba en sí mesma os defectos da demagoxia que a concebiran, os que impedían que esta fora eficaz, tanto para ó estado como para ós mesmos campesiños, pois segundo esta, o pago do remate, podíase facer 1º con títulos da deveda consolidada, ou con diñeiro en efectivo, comprometéndose o comprador a facer os pagos nas condicións que este preveiamente elexira, polo que o estado a penas podía sacar algún rendemento. 2º Calquera persoa podía pedir unha tasación oficial e tamén a inmediata subasta, dunha finca non tasada; se na subasta non había unha puxa maior, automáticamente, adxudicábaselle ó peticionario. Esto fixo que os influintes e poderosos se quedaran coa maior parte das grandes fincas, ó tasalas á baixa e coa ausencia de poxas. 3º Prevendo esto, Mendizabal propuña, que as fincas foran divididas en pequenas parcelas, (“postas”, no caso da Barreira) polo que se lle poideran vender ós pequenos agricultores, cousa que sucedeu en Galicia e concretamente coas posesións da mitra compostelá, onde, concretamente os terreos do Castro de Montes, foron repartidos entre tódolos veciños.

No Concordato, firmado entre o estado español e a Santa Sede, chegouse ó acordo de que os bens adquiridos por esta, antes de 1860 eran enaxenables, é dicir, estaban suxeitos á desamortización, pero reconocíalle á Igrexa, a facultade e a potestade de adquirir e disfrutar dos bens a partir desa data. Neste Concordato estableceuse, que polas fincas do clero, a Igrexa recibiría, ademais dos títulos intransferibles da déveda, -equivalentes ó valor da déveda- a chamada “Dotación de Culto y Clero”, pero nese mesmo ano de 1860, pouco antes da caida de Isabel II, o estado suspendeu o pago dos intereses, que restableceu no ano 1951, coa firma do Novo Concordato.

Vistas así as cousas, e as leis que se promulgaron, non foi propósito de Mendizabal, nin de ningunha desamortización, tanto anterior como posterior, o que o campesidado accedera á posesión da terra, senon conseguir que a burguesía, fora un elemento o máis adicto posible ó réxime[1].

Como vimos nas declaracións que fixeron os testigos, os muros do Castelo do Castro de Montes estaban fabricados en pizarra cos esquinais de granito.

Despois do incendio de finais do século XVI, o deterioro do Castelo de Montes, foi en progresión xeométrica. O mesmo que sucedeu con outras edificacións da época que foron os lugares máis idoneos (anteriormente os castros) para “arrincar” a pedra sen esforzo. Só había que derrubar paredes, cargar os carros e levar os materiais ó lugar da nova edificación. Este derradeiro traballo, aínda o din hoxe os canteiros, era o máis penoso e complicado, dado os camiños da época, pero aforrábase o anterior (o arrincado da pedra).

Nas miñas visitas ós lugares de Morgade, O Outeiro, San Miguel, Alfonsín e tódolos seus arredores, teño visto unha serie de pedras de granito, que pola súa elaboración e remate, parécenme da época románica, aínda que non conteñan a maioría delas ningúnha marca dos canteiros medievais, porque estas, non se gravaban en tódalas pedras.

De todas maneiras, no lugar de Morgade, hai na casa vella do Ribote, tres pedras coas marcas dos canteiros medievais e a clave dun arco, perfectamente tallada e definida, mesturada entre a mampostería do paramento. O que máis chama a atención é que está como de “rechéo”. No lugar do Outeiro, teño catalogado dúas, e unha delas tamén moi interesante; igualemente sucede coa que se atopa no esquinal sureste da capela de Nosa Señora do Castro. É “vox populi”, que varias casas destes lugares, foron fabricadas completamente con pedras do Castro de Montes como pode ser, no Outeiro, a Casa da Crega. Pero como sucede coas pedras da Barreira, tamén están nas fincas. Así no camiño que vai dende o Castro a Morgade, no muro dunha finca hai dúas ameas e un lintel, que segundo me informou o sr. Manuel, un vello canteiro que vive no lugar do Outeiro, “estas pedras atopáronse na parte occidental da que foi a torre da homenaxe do Castelo de Montes e o dono desa finca levounos para ó seu muro, onde están na actualidade”.

N.B.: O señor Manuel mostroume o lugar onde se atoparon as referidas ameas e o lintel, e poiden comprobar posteriormente onde están no día de hoxe. O meu agradecemento para este canteiro, co que percorrín en varias ocasións o recinto do Castro de Montes.

Marcas dos canteiros medievais que se topan nas pedras de varias casas nos lugares de Morgade e O Outeiro:


Posiblemente haxa que facer un estudio pormenorizado das pedras das casas vellas destes lugares, para poder datalas e catalogalas. Estou seguro de que levariamos sorpresas agradabilísimas, tantos os amantes das pedras medievais, coma os actuais donos destas xollas centenarias e cargadas de historia.

Hai un detalle que non quero pasar por alto, porque é moi significativo, tanto para ós veciños desta parroquia, como para min. Como xa se indicou máis arriba, o xentilicio dos parroquianos de Presqueiras, é o de “churruchaos”. Esto ven derivado do paso de varios destes persoaxes polo Castelo do Castro de Montes, desempeñando o cargo de xuices meiriños, pero sobre todo, hai que destacar o de D. Fernán Pérez de Deza-Churruchao, que foi o que asasinou –como vimos- ó arcebispo de Santiago, D. Suero Gómez de Toledo.

É costume moi xeneralizada nesta parroquia, que cando unha cousa, non ten doada explicación, como poden ser as ruinas do castelo, a presa que hai no fondo do Castro que levaba as augas ata a parroquia de Folgoso ou os enormes muros exteriores da fortaleza…, atribúenlle a súa construcción ós Churruchaos (algo semellante, é o que sucede, nos lugares, onde hai castros, que as obras, atribúenselle ós mouros). Pois ben, no Lugar de Alfonsín hai un escudo que campea na parede norte dunha casa, e tanto os veciños como o dono, consideran que era o dos Churruchaos e que o trouxeran do Castelo de Montes, cando se desfixo a torre.

A realidade é ben distinta, xa que o escudo dos Churruchaos, di Benito Vicetto, citando a Molina: “Los Dezas o Xuarez de Deza son los Torrechanos, que de antes ansí se llamaban: los cuales fueron los que mataron al arzobispo de Santiago, que llamaron D. Suero… Tienen su suelo en la ciudad de Santiago; traen una torre por armas (sin duda aludiendo a las muchas que tenían para vigilar o defender sus feudos, de aquí, Torrochanos, o Torrechaos: chao suelo, vulgo Churruchaos)”[2].

Este escudo de armar pois, nada ten que ver cos Churruchaos, senon que pertenceu ó xuíz meiriño de Montes D. Manuel de Ogando Teixeiro Barros Ribera e Ferrón e á súa dona María Antonia de Cortés Varela Taboada e Soto[3].

Naceu este xuíz en Pardesoa. Era fillo do Capitán D. Alonso de Ogando Teixeiro e Barros; era sobriño do que foi rector de Cerdedo e Comisario do Santo Oficio, o Rvdo. D. Francisco de Ogando e Ribera. A súa muller, Dona Antonia de Cortés, era filla do Administrador de Tabacos de Soutelo de Montes, D. Benito de Cortés e Dona María Varela[4].

Foi nomeado xuíz meiriño da Terra de Montes, no ano 1765, polo arcebispo de Compostela, Rvsmo. Sr. D. Bartolomé Rajoy y Losada. Estivo ó fronte desta xurisdición ata o ano 1773[5].

Tiña casa en Pardesoa e Presqueiras, con escudo de armas en ambas residencias. O de Pardesoa, está actualmente no que foi o vello teleclub parroquial. “…y conservado por el entusiasta maestro nacional Don Eugenio López González”[6] e o de Presqueiras, segundo Rodríguez Fraiz, no ano 1971, “campeaba”[7] no muro da que fora a súa residencia nesta parroquia.

Como anécdota, podemos contar que no ano 1778, este xuiz, ocupou en Soutelo, unha casa pertencente ó Mosteiro de Acibeiro, e habilitouna para cárcere, por estar, ó parecer a da xurisdición inservible, feito polo que o Mosteiro lle puxo unha demanda, diante do Arcebispo, para que a deixara libre. (Só consta a denuncia)

O día 17 de febreiro de 1774, Domingo Espiña, natural da parroquia de Figueroa e o 20 de marzo do mesmo ano, Xosé Piñeiro, da paroquia de Castro, puxeron demanda diante de D. Manuel de Ogando Teixero e Barros, “….juez de la Jurisdición de Montes…porque entre ellos litigaban pleitos sobre que el dicho Domingo Espiña repitió algunos jornales que debía satisfacerle por su oficio…el citado Josph Piñeiro… se arreglan en que este ha de pagarle por una vez, por razón de sueldos y jornales ochenta y dos reales de vellón…pagando los dos a partes iguales los salarios vencidos del escribano...”[8].

O escudo está dividido en catro campos. O superior siniestro leva na parte alta dúas estrelas de seis puntas e no centro unha cruz de áncoras coas puntas lixeiramente abertas e por debaixo a cabeza de tres cans decapitados; o superior diestro presenta na parte alta tres estrelas de seis puntas e no centro unha cruz con nudosidades atravesada de dereita a esquerda e de abaixo arriba, por unha espada e á súa esquerda, na parte inferior, unha palma. O campo inferior siniestro presenta a árbora da vida con tres reices e á súa dereita, tres elementos da paixón de Cristo: a lanza, o flaxelo e a espada. Sobre as raíces da árbore, vai a cabeza dun can decapitado. O campo inferior diestro leva cinco barras en diagonal de distinta medida.
[1] Bibliografía: Perres Martín, J. La desamortización española en el siglo XIX. Madrid. 1973. Artiaga Rego, A. A desamortización na provincia de Pontevedra. 1991.
[2] Benito Vicetto. Historia de Galicia, Tom. II, pax. 309.
[3] Rodriguez Fraiz, A. “Secciones de Ciencias Eclesiásticas y Estudios Jacobeos”. Separata de ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’. Vol. XXXV. Nº 100. 1984-85. paxs. 388, 389, 390.
[4] Libro I de Casados, fol 195. Arquivo Parroquial de Presqueiras.
[5] Rodriguez Fraiz, A. O.C. pax. 390.
[6] Rodriguez Fraiz, A. O.C. pax. 390.
[7] Rodriguez Fraiz, A. O.C. pax. 390.
[8] Protocolo de José Sieyro. Cax. 1844. fols. 19 e 30. Arquivo Histórico de Pontevedra.

No hay comentarios: