Dende o ano 1388 ata un pouco antes do derradeiro cuarto do século XV, que ocupa toda unha centuria, parece que non hai grandes sobresaltos nos territorios da mitra compostelá e por engadidura, no Castelo do Castro de Montes. A chispa salta coas “Guerras Irmandiñas”, nos tempos do rei D. Enrique IV, “el Impotente”.
As guerras Irmandiñas, que máis que guerras, deberiámolas considerar coma unhas revoltas populares en toda regra, son a consecuencia dun mal estar xeneralizado no seo dunha sociedade famenta, con escasos recursos, instalada na súa inmensa maioría xa en cidades e vilas e oprimida polos dous grandes poderes que sustentaban as terras productivas: os señores feudais e a igrexa, que no caso de Galicia e concretamente da mitra de Santiago, comportábase tamén, coma un señor feudal máis, dado o gran número de terras con fortalezas, ó fronte das que estaban os meiriños para faceren cumprir a lei, manter a paz, impartir xustiza e recaudar impostos dos seus vasalos, tanto foran labregos coma membros dos gremios dos artesáns que existían nas cidades e vilas, ós que se gravaban tanto na venda dos seus productos coma na compra da materia prima.
Para coñecer, tanto estas revoltas como as vicisitudes polas que pasou nesta época o Castelo de Montes, que o deixaron marcado e mancado para ó resto da súa existencia, imos recurrir a un documento que data do ano de 1526, esto é, medio século despois destes tumultuosos acontecementos. Trátase de dous legaxos marcados cos números 46 e 47, existentes no Arquivo Diocesán de Santiago, que figuran no inventario do Fondo Xeral do mesmo, co seguinte texto: “Testimonio de Probanza Sobre el Estado y Rehedificación de las Fortalezas de la Dignidad Arçobispal 1526” e “Probanzas, Tasas Periciales y Concordia entre el Prelado Sr. Tabera y su Antecesor, Sr. Fonseca, sobre Reparación de dichas Fortalezas 1526”[1].
Examinando con deteñemento o “Pleito Tabera-Fonseca”, atopámonos sobre todo, cunha enorme imprecisión cronolóxica, debida precisamente ós testigos, que, aínda que baixo “xuramento”, -e esto é moi importante- van declarando, pero sen concretar un ano determinado, nin no referente ós acontecementos dos feitos, nin siquera, as máis das veces, na idade dos mesmos testigos. Así, estes, varían, entre 120 anos, acordándose de 100, “pouco máis ou menos”[2], pasando “por 100 anos pouco máis ou menos e lembrándose ben de 80 anos”[3] ou “de 70 años e lémbrase máis de 50”[4].
Eran pois homes que non tiñan claro a súa propia idade e que estaban declarando acontecementos que sucederan facía moitos anos (50), baixo prelados e nobres diferentes. Por iso non é de extrañar que se trabuquen e esquezan nomes de personaxes implicados nos feitos.
Así pois, como iremos vendo, partindo dos datos que nos aportan, podemos encadrar o inicio destas revoltas e o levantamento dos Irmandiños, entre os anos 1466 e 1476. Pero, sobre todo, poderemos facernos unha idea moi aproximada de como era o Castelo do Castro de Montes, que é un dos propósitos deste traballo.
Chama a atención que sexan moi poucos destes testigos os que se lembren dos nomes dos xefes das Irmandades que interviñeron no derrocamento das fortalezas, aínda que algúns deles estiveron nos ataques porque “no abia justizia ni quien la reclamara” por eso se levantaron as xentes, segundo uns, “con permiso real” e segundo outros “sen permiso real”. Parece, ás veces que hai entre eles, unha especie de pacto de silencio ou de querer esquecer ese episodio, xa que foi de tal magnitude a desfeita, que para restaurar as torres e as fortalezas, que era en definitiva o que se debatía neste proceso e a quen lle correspondían os custes, que eles mesmos se preguntan, ¿por que donde poderían sacar aquelas xentes, que eran pobres, tanto diñeiro, se non tiñan posesións e vivían en casas alleas?, “ni ellos ni todo su linaje tuvieran para pagar”[5].
Pero ¿cando e por que foi atacado polos Irmandiños o Castelo do Castro de Montes?.
Unha das relacións máis claras e precisas dos feitos dánola o testigo Ruy Chamorro, pescador e veciño da vila de Pontevedra, testigo presentado por parte de Fonseca. Confesa ser duns 90 anos acordándose de oitenta máis ou menos. Di que coñeceu ó Patriarca de Alexandría (Fonseca II) e ó actual Arcebispo de Toledo (Fonseca III): ”a ambos de vista, fala e conversación que con cada un deles tivo”[6].
Non coñece ó actual arcebispo de Santiago Sr. Tabera. “Sabe e ten noticias da torre da Praza, da torre de Pontevedra, da de Caldas e da Padrón e da fortaleza de Lobeira e do Castelo de Montes”[7]. “e di este testigo que as viu como agora están estas fortalezas e estivo nelas, algunhas veces... que poderá haber cincuemta anos, máis ou menos, que este testigo viu na vila de Pontevedra, como a xente común desa vila e da terra desa comarca ergueuse en irmandade e nese tempo viu tamén como nesa vila fixeron e nomearon alcaldes de irmandade, cuadrilleiros e deputados; estes traían varas de xustiza...lémbrase de que eran alcaldes un tal Afonso de Camba, zapateiro; Xoán Cabaneiro, pescador e outros dous que non se lembra...Estes dirixían e mandaban á xente que andaba en irmandade na vila de Pontevedra...Di este testigo que lle oía dicir a moitas persoas públicamente que deste mesmo xeito, erguérase a xente na cidade de Santiago e no Reino de Galicia...e que en cada lugar ou cabeceira de comarca facían alcaldes, deputados e cuadrilleiros que mandaban e gobernaban...e viu como na vila de Pontevedra acordaran derrocar e conquistar as fortalezas que había nos arredores desta vila...e di tamén que a xente que formaba parte delas, facíao porque a xente do ‘pobo’ recibía dos das fortalezas, moitos danos e agravios porque secuestrábanos e predíanos e despois pedían rescate para soltalos, xa que andaban mesturados entre eles, ladróns e malfeitores que roubaban e facían outras ruindades...así se dicía pola vila públicamente...e di este testigo que víu saír da vila de Pontevedra a eses alcaldes, cuadrilleiros e deputados...e con eles moita xente de a pé apetrechados coas súas armas, e foron á fortaleza de Tenorio que era de Perálvarez de Soutomaior e tomárona e derrocárona con faciliade, e unha vez derrocada, di este testigo, que viu que a xente desa Irmandade saiu dalí e divideuse en dúas partes: uns partiron para ó Castelo de Montes, que é da Igrexa de Santiago e outros para Penaflor que era de Pedro Bermúdez de Castro e este testigo foi cos que ían a Penaflor e así mesmo viu como o tomaron e derrocaron e oiu dicir que os outros, derrocaran o Castro de Montes”[8].
No ano 1526 (ano do proceso) este testigo danos unha serie de datos que son fundamentais para o noso cometido: en primeiro lugar dinos, que “poidera haber cincuenta anos máis ou menos” que na vila de Pontevedra se “llevantaran sobre si”. Este detalle sitúanos no ano 1476 ¿? como o ano en que nomearan “alcaldes de irmandade e cuadrilleiros e deputados”.
O segundo dato importante son os nomes de varios dos homes da vila que foron nomeados: alcaldes, diputados e cuadrilleiros da Irmandade e as súas profesións: “Afonso de Canba, çapatero; Joan Cabaneiro, pescador; Pedro García de Cangas, pescador”. A terceira información é, que o mesmo testigo formou parte da Irmandade xa que “fuera con los que iban a Peñaflor y ansimismo vido que la tomaran y derrocaran”. É pois este home, un testigo de excepción, no senso de que non só se lembra, como a vila de Pontevedra se levantou en armas contra os nobres, senon que xustifica o levantamento con argumentos de peso: “porque sufrían muchos daños y agrabios…y porque los tomaban y prendian… y acogian a malfechores”. Finalmente, para o noso cometido, sitúa o derrocamento do Castelo do Castro de Montes nos mesmos días que o de Penaflor, pois ó sair de Pontevedra “se fueron en dos partes”.
Moi interesante para o noso cometido é tamén a declaración que nesta mesma liña fai Alfonso Fruituoso, notario de número da vila de Pontevedra, testigo de Fonseca, de 70 anos de idade, acordándose de 60 pouco máis ou menos. Di que coñeceu ó Patriarca e coñece ó Arcebispo de Toledo: a ambos de “vista, fala e conversación con cada un deles e non coñece a Tabera”. Sabe e ten noticias do Castelo de Montes e doutras prazas fortes da mitra. Na declaración que fai dos ataques por parte das Irmandades di: “...que poderá haber sesenta anos máis ou menos, tempo no que este testigo viu que neste Reino de Galicia a xente ‘de común’, erguérase a ‘unha voz’ e no nome da Santa Irmandade e antes de que estes se ergueran viñera de Castela a dita Irmandade... e di este testigo que oira dicir que se levantaran así en irmandade por mandato e no nome do rei D. Enrique, que reinaba daquela. E asi levantados, viu este testigo que na vila de Pontevedra e na cidade de Santiago e as terras da súa comarca andaban levantadas coa dita irmandade e tiñan e facían alcaldes de irmandade, deputados e cuadrilleiros que traían varas de xustiza e mandaban a irmandade e repartían entre eles diñeiro que botaban nunha arca en cada cabeza de lugar para sustentar e pagar os gastos da referida Irmandade...asi levantados viu que dicían que eles púñanse en contra dos cabaleiros e señores do Reino de Galicia porque os ditos cabaleiros e señores facíanlle moitos agravios e extorsión e sacábanlle as súas facendas... di tamén que viu na vila e comarca de Pontevedra ós seus alcaldes, deputados e cuadrilleiros que eran Lopo Pérez Mariño de Baladares, Afonso Mouriño, Gómez Barbeiro e Xoán Rodríguez o Pancho, Pedro Garçía de Cangas e Afonso de Canba e outros veciños desta vila...xuntáronse e con eles moita xente con armas; así con man armada viu este testigo que foron contra a torre de Tanoiro que era do Conde de Camiña e contra o Castro de Montes que é da Igrexa de Santiago e contra a fortaleza de Soutomaior que era do referido conde de Camiña...e todas, viunas este testigo tomar e viu que as derrocaran todas no nome da Santa Irmandade...”.[9]
Gracias a este testigo atopámonos aquí con varios nomes propios de homes que participaron no derrocamento do Castelo do Castro de Montes e entre eles estaba o propio testigo porque di que “con mano armada vido este testigo que fueron …contra el Castro de Montes”. Outro dato que debemos subliñar é cando di que “podra aber sesenta años poco mas o menos”[10]. Neste intre o que está facendo é poñéndolle data ó derrocamento do Castelo de Montes. Se ó ano 1526, data na que este home está declarando, lle quitamos os 60 anos que el di que debe haber que sucederon os ataques, podemos concluir que o Castelo do Castro de Montes, foi derrubado polos Irmandiños, segundo Alfonso Fruituoso, no ano 1466, é dicir dez anos antes do que consideraba o testigo Ruy Chamorro que sucederan os feitos. Así mesmo, este home aporta outros nomes de xefes dos Irmandiños, e coincide con Chamorro nomeando a Afonso Canba e a Pedro Garçia de Cangas pero, neste caso, sen especificar as profesións de ambos.
Hai outro testigo importante que debemos considerar sobre todo, porque vainos dar tamén unha serie de nomes, dos homes que estiveron ó fronte das Irmandades de Pontevedra. Trátase de Xoán Robalino, “el Viejo”, pescador, veciño de Pontevedra de 80 anos, acordándose de 60, máis ou menos. Declara que sabía e tiña noticias dos pazos arcebispais e da torre da vila de Pontevedra, “…e do Castelo de Montes, estas fortalezas, pazos e torres tiñas visto e estivo nelas e que as outras fortalezas e torras non as tiña visto”[11].
En canto á xente que compuña as Irmandades di: “…que no tempo no que o rei D. Enrique reinaba nestes reinos...no reino de Galicia había moitas fortalezas e casas fortes porque cada fidalgo ou señor, se atopaba un lugar apropiado para facer algunha torre, facía... e era de todos sabido que coelas enseñoriábanse do reino e non lle obedecían ó rei... e tamén, que facían moitos males de roubos e rescates e apresamento de homes, porque prendían á xente que andaba polos camiños e saían facer asaltos e había entre ditos cabaleiros e señores moitas guerras e liortas...e oiu dicir que a xente común do dito reino de Galicia recibían moitos agravios e senrazóns dos referidos cabaleiros e señores” [12].
Todos estes agravios e sinrazóns e toda a anarquía que imperaba, xustificaban para este testigo que “xente común dos lugares, cidades e terras do Reino de Galicia levantáranse todos en Irmandade, a unha voz e no nome do Rei, por iso se chamaba Santa Irmandade... e viu como se levantara a vila de Pontevedra con toda a comarca de arredor e cando se levantara viu que nomearan por alcaldes a Xoán Domínguez, carniceiro; a Alfonso Mouriño e a Gómez Barbeiro e outros cuadrilleiros que neste intre o testigo non se lembra...e viu que estes traín varas de xustiza dos malfeitores...e asaltaron a uns dous ou tres escudeiros...no campo de San Domingos” [13].
Atopámonos aquí de novo con que este testigo coincide con Froituoso en nomear a dúas persoas que ambos coñecían: Alfonso Mouriño e Gómez Barbeiro que eran das persoas que organizaban, impartían xustiza e mandaban as Irmandades que atacaron o Castelo do Castro de Montes.
Tamén o veciño do Coto de Lérez, Rui da Fontaiña, fálanos de que fixeran alcaldes de Irmandade a Xoán Rodriguez -o Pancho-, a Pedro García e a Alfonso de Canba e como cuadrilleiro a Diego Çapatero,[14] que como vimos, salvo Diego Çapatero, todos foran nomeados por anteriores testigos como formando parte das Irmandades que atacaron Montes. Por último, Alfonso García de Raxo, veciño da vila de Pontevedra di na súa declaración que viu sair “desta villa mucha gente con muchos alcaldes y quadrillaros de la dicha hermandad y fuerona a tomar Sotomaior que hera de Peralbarez de Sotomaior e a Peñaflor que era de Pedro Bermudez de Castro y la Fortaleza de Lobera y el Castillo de Montes que son de la Santa Iglesia de Santiago”[15] pero non da ningún nome das persoas que mandaban esas Irmandades.
Dos máis de vinte testigos restantes que aparecen no proceso e que xuran que coñecían o Castelo do Castro de Montes; que sabían, ademais que foran as Irmandades de Pontevedra as que derribaran, tanto este castelo como outras fortalezas da mitra compostelá e outras pertencentes á nobreza e ós fidalgos do reino de Galicia, coinciden todos en afirmar que oíran dicir: que foran as Irmandades, que había moita xente armada, que fora no tempo do Sr. Patriarca, que nas cidades e vilas se facían alcaldes, diputados e cuadrilleiros, ós que lle daban “baras de justiçia”, e que os chamaban “alcaldes del rei”[16] “los quales regian e gobernaban la dicha hermandad”, pero a maioría non se acordaba dos nomes dos xefes que mandaban esas Irmandades.
Aparecen nas comarcas de Lugo, Betanzos e Santiago, outros testigos que tamén nos refiren nomes dos xefes das Irmandades. Por non ter relación co Castelo do Castro de Montes non os incluimos neste estudio. Referirémonos só a un testigo que aínda que non ten relación co Castelo de Montes, facémolo, únicamente pola proximidade territorial. Trátase de Miguel de Barcala, que ainda que era veciño da vila de Padrón, coñecía o Castelo do Castro de Montes. Fálanos que na súa comarca viu como a xente desa terra andaba coa Irmandade “e con su alcalde e capitan un tal Bartola de Frairia, vezino de la tierra de Bea que hera un labrador y trai bara de justiçia y jente consigo e mandaba e fazia justiçia"[17].
Podemos concluir que o Castelo medieval (o orixinario) do Castro de Montes foi, segundo os testigos que temos visto, atacado e derrubado entre os anos 1467 e 1477, segundo os datos que nos aportan os testigos. Sabemos como certo que foron as Irmandades de Pontevedra as que se dirixiron contra el e os homes que mandaban esas Irmandades (ainda que ningún dos testigo concretiza quenes foron) eran: Afonso de Canba, (citado seis veces) Pedro Garçía de Cangas, (citado outras seis veces), Afonso Mouriño, Gómez Barbeiro, Xoán Cabaneiro, Xoán Rodriguez –O Pancho- (citado dúas veces) e Lope Pérez de Baladares. Temos que subliñar que ningún dos testigos condea a estes homes nin fan un xuizo valorativo dos feitos e omiten, non se sabe, se é, porque non se lembran ou poidera haber outros motivos, os nomes dos que mandaban a Irmandade nos intres dos ataques ós diversos castelos e fortalezas.
[1] N.B. Esta documentación, coñecida tamén como “Pleito Tabera-Fonseca”, nome que usaremos, cando nos refiramos a ela, foi transcrita, -ad pedem literae- por D. Ángel Rodríguez González e editada pola Fundación Barrié de la Maza, no ano 1984.
[2] P.T-F. fol. 1081 vº. Pax. 296.
[3] P.T-F. fol. 190. pax. 399.
[4] P.T-F. fol. 111. pax. 62.
[5] Rodriguez González, A. O.C. Introducción, pax. XIII.
[6] P. T-F. fol. 1323.
[7] P. T-F. fol. 1323 vº
[8] “…y diçe el dicho testigo los bio como ahora estan y todas estas dichas fortalezas y torres dize el dicho testigo que las sabe y tiene notiçias dellas porque las a bisto y estado en ellas y en algunas dellas algunas vezes…que podra aber çincuenta años mas o menos queste testigo bibiendo en la villa de Pontevedra dize que vido que la gente comun de la dicha villa y de la tierra de su comarca se llebantaran sobre si en hermandad e al tiempo que ansi se llebantaran vido que en la dicha villa fizieran e nonbraran alcaldes de hermandad e cadrilleros e diputados que traian baras de justiçia los quales dize que hes acordado que heran alcaldes un Afonso de Canba, çapatero e Joan Cabaneiro pescador, e Padro Garçia de Cangas, pescador e otros de que no hes acordado, los quales dize que regian e mandaban la gente que andaba en la dicha hermandad de la dicha villa y tierra de Pontevedra…dize este testigo que oia dezir a muchas personas que dezian publicamente que de la misma manera se llebantara la gente comun de la çiudad de Santiago y del Reino de Galizia…y que façian en cada lugar y cabeça, alcaldes y diputados y cuadrilleros que la regian y gobernaban…y bio como en la villa de Pontevedra acordaran de derrocar e yr a ganar las fortalezas que abia alderredor de la dicha villa…y dize que la gente que en ella andaban dezian que lo fazian porque de las dichas fortalezas la gente comun reçebian muchos daños y agrabios porque les tomaban y prendian y despues los rescataban y porque acogian en ellas otros ladrones y malfechores que hazian furtos y otros males…asi lo dezian por la dicha...” P. T-F. fols. 1323-1326. pxs. 408-409.
[9] “....podrá aber sesenta años poco mas o menos, tiempo en que este testigo bio que en este Reino de Galizia la gente comun del se llevantaron a una en boz e nombre de la santa hermandad e que antes que se llebantasen beniera de Castilla la dicha hermandad…y dize el dicho testigo que les oia dezir que se llebantaran ansi en hermandad por mandato e en nombre del rey don Enrrique que entonçes reynaba e ansi llebantados bido este testigo que en la villa de Pontevedra e la çiudad de Santigo e las tierras de su comarca andaban llebantadas con la dicha hermandad…e tenian e fazian sus alcaldes de hermandad e diputados e cuadrilleros que taian baras de justiçia e mandaban la hermandad e repartian entre ellos dineros que hechaban en una arca en cada cabeça de lugar para sustentar y pagar los gastos de la dicha hermandad…llebantados bido que dezian que ellos se ponian contra los caballeros y señores del Reyno de Galizia porque los dichos caballeros y señores del, les facian muchos agrabios y estorçiones y les tomaban sus haziendas…dize que vido que en la villa y comarca de Pontevedra con los alcaldes y diputados y cadrilleros della que heran: Lopo Pérez Mariño de Baladares e Afonso Mouriño e Gomez Barbeiro e Joan Rodriguez o Pancho e Pedro Garçia de Cangas e Afonso de Canba e otros vezinos de la dicha villa…se juntaron y con ellos mucha gente con armas y con mano armada vido este testigo que fueron contra la torre de Tanoiro que hera del Conde de Camiña e contra el Castro de Montes que hes de la Santa Iglesia de Santiago y contra la fortaleza de Sotomaior que hera del dicho Conde de Camiña…e todas las este testigo vio tomar e vido que las derrocaran todas en la dicha boz de la sancta hermandad…”P. T-F. fols. 1314vº-1317. Pxs. 403-404.
[10] P. T-F. fol. 1315vº.
[11] P. T-F. fol 1286 vº.
[12] “...en el tiempo en que el rei D. Enrrique reinaba en estos reinos… en este reino de Galizia habia muchas fortalezas y casas fuertes porque cada hidalgo y señor si allaba lugar aparejado donde azer alguna torre la hacia… y hera fama publica que con ellas se enseñoreaban del reino y no obedecian al rei y tambien que dellas fazian muchos males de robos y rescates y prisiones de onbres, porque prendian….las gentes que andan por los caminos y salian a facer asaltos y habia entre dichos caballeros y señores muchas guerras y bulliçios…y oio dezir que la gente comun de dichos reinos de Galizia reçibian muchos agrabios y sinrrazones de los dichos caballeros y señores” P. T-F. fol 1287 vº. pax. 389.
[13] “gente comun de los lugares, çiudades y tierras del dicho Reino de Galizia se lebantaron todos en hermandad en boz e nombre del rei e ansi se llamaba Santa Hermandad… e bido como se llebantara la villa de Pontevedra con la comarca alderredor della e quando se llebantara vido que nombrara por alcaldes de la dicha hermandad a un Joan Domingez, carniçero e Alfonso Mouriño e Gomez Barbeiro e otros cuadrilleros que al presente el testigo no es acordado…los quales vido que traian baras de justiçia de los malfechores…e asaltaron a unos dos o tres escuderos…en el campo de Santo Domingo” P. T-F fols. 1288-1289.
[14] P. T-F. paxs. 394, 395.
[15] P. T-F. fol. 1308. Paxs. 399-400.
[16] P. T-F. fols. 1219, 353, 1210.
[17] Buscar datos de Miguel de Barcala.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario