sábado, 12 de enero de 2008

II. O CASTELO DO CASTRO DE MONTES

Postas estas premisas e dadas por boas todas estas doazóns que se foron consolidando a traveso dos anos, durante a Idade Media, vemos ós arcebispos composteláns convertidos en donos e señores de toda a Terra de Montes.

Pero ¿cómo defendían esta e outras terras, da cobiza dos señores feudais, moitos deles, sen escrúpulos?. ¡Nin máis nin memos que dende as fortalezas!. Así en cada territorio érguese unha torre, ó fronte da cal, estará un meiriño, con atribucións de xuiz ordinario.

O castelo do Castro de Montes edifícase, como o seu nome indica, sobre un enclave castrexo, só accesible pola parte occidental, nunha especie de penínsua que describe o río Castro ó seu paso pola parroquia de San Miguel de Presqueiras.

Foi pois, o castelo, lugar de residencia dos xuices meiriños que exercían dende aquí o poder administrativo, executivo e xudicial, xa que eran a xustiza ordinaria coa que se rexía esta terra, que emanba directamente do mitrado e cabildo compostelán. Estes xuices estaban, sempre dispostos a favorecer os intereses da mitra e a impoñer a vontade da mesma sobre os seus súbditos, que tiñan como único señor ó que sustentara, por decisón papal, a sede da Igrexa do Santo Xacobe.

A primeira noticia que temos escrita de que este castelo estaba xa levantado, é na confirmación que fai o rei Alfonso IX, ó bispo D. Pedro, o día 4 de maio do ano 1188, das posesións e pertenzas que ten a Igrexa de Santiago e entre todas di: “…terra que dicitur Montes in qua est castellum Cutubadi et medietatem de allis Montibus quos tenuit Sujerius Friolaz nam alterum medietatem iam dadum habebat ecclesia vestra…Facta carta apud Çamoram IV nonas maii. Era MCCXXVI. Regnante rege domino Alfonso filio regis domini Fernandi Legione, Galetia, Asturiis et Extramadura”[1].

Pero hai un personaxe en plena Idade Media, relacionado co Castelo do Castro de Montes que brilla con luz propia e deixou, ademáis da súa pegada, o nome que dende esa época, levan os veciños da parroquia de Presqueiras: ¡os Churruchaos!. Estoume a referir a D. Fernán Pérez de Deza-Churruchao. A historia da súa vida e andanzas están entre os feitos documentados e a lenda que arredor da súa persoa e do seu crime se foi formando.

Os acontecementos históricos foron así. Ó arcebispo Gómez de Manrique, sucedeuno na sede compostelá, un parente do arcebispo de Toledo, chamado D. Suero Gómez de Toledo, no ano 1362. Nese mesmo ano, o rei Don Pedro I, convocou as cortes en Bubiera de Aragón, para que os nobres e os bispos xuraran como princesa, á Infanta Dona Beatriz, filla do rei Cruel e de Dona María de Padilla. Na documentación que hai, non aparece como asistente a este xuramento, o Arcebispo don Suero, quen dende esta data, quedou totalmente en entredito. Quenes sí asistiron para recibir a homenaxe, no nome do rei, no mosteiro de Antealtares, o día 7 de novembro do ano 1363, foron Esteban Rodríguez Varela, alcaide de Santiago, por parte do rei e os xurados, Vasco Martínez Serpe, Lope Pérez e Vasco Fernández Abril[2].

Estes e outros feitos, que xa viñan de anos atrás, (pois entre o rei e o arcebispo de Toledo, tío do actual arcebispo de Santiago, había unha vella enemistade) levaron a Don Pedro a terlle unha gran xenreira a D. Suero. Asi, cando no ano 1366, D. Pedro resolveu pasar dende Sevilla a Bayona (Francia), que estaba en poder dos ingleses, atravesando Portugal e Galicia, deixou aquí como encargado de manter os seus dereitos, ó Pertigueiro maior de Santiago, D. Fernando de Castro. Asi o 24 de xuño de 1366, na cidade de Santiago expediulle ó seu favor, o título de Alférez maior e Adiantado de Asturias e Galicia, Conde de Trastámara, de Lemos e de Sarria[3].

Ese mesmo día, antes de retirarse ó seu castelo da Rocha, D. Suero foi cumplimentar ó rei con douscentos homes de a cabalo. Pero de nada serviron estes cumpridos por parte de D. Suero, pois D. Pedro, que estaba moi doído, xa tiña decidido, cando menos mandalo prender, porque nas cortes convocadas por don Enrique, en Burgos, onde este, se fixera coroar como rei, o arcebispo de Santiago, como consta nas actas de ditas cortes, enviou alí procuradores[4].

Asi, as cousas, celebrouse consello en Santiago presidido por D. Pedro I entre os días 24 e 27 de xuño dese ano, ó que asistiron D. Fernando de Castro, D. Suero Yánez de Parada, Mateo Fernández e Joan Diente. “Parece que o rei xa se daba por satisfeito con prender ó Arcebispo e tomarlle a súa tropa, pero os conselleiros pretendían unha resolución máis radical: eliminar por completo aquel atranco para obrar con maior liberdade. Quedara pois decidida a morte do Arcebispo”.[5].

Parece ser que se ofreceron para levar a cabo este asasinato D. Fernán Pérez de Deza-Churruchao e Don Alonso (nalgunhas ocasións aparece como D. Gonzalo) Gómez Galiñato, aínda que o relato da “Crónica abreviada” indica, que foron designados e elexidos por D. Pedro.

No consello, quedara decidido citar ó Arcebispo o día 29, festividade de San Pedro, despois da sexta, para que viñera conferenciar co rei, dende o Castelo da Rocha, a onde se retirara, como vimos anteriormente o día 24. Os asasinos debían estar apostados detrás das portas da cidade con xente armada para matalo, cando pasara. López Ferreiro describe así a escea: “ D. Suero, acompañado do Deán D. Pedro Álvarez, debeu de vir da Rocha polo camiño antigo de San Lourenzo, subir pola rúa das Hortas y desembocar por este lado, despois de entrar pola porta da Trinidade, na praza do Hospital, daquela chamada, do Obradoiro. Aquí había unhas pousadas nas que estaban parapetados os conxurados. O pasar o Arcebispo e o saír Fernán Pérez cos seus e lanzarse sobor del, foi cousa dun intre. É de crer que entre a xente que acompañaba a D. Suero e os asasinos se trabase algunha pelexa; pero a sorpresa non puido dar máis tempo que para fuxir. O Arcebispo, se non quedou morto no acto, non puido chegar con vida á porta da igrexa. O Deán, parece que sí puido entrar no templo, pero caíu derrangado diante do altar. O rei, como é de supoñer, estaría parapetado no pazo arcebispal e dende o alto da igrexa presenciou a escea, mentres daba voces para que non consumasen o asasinato”[6].

Despois da morte do Arcebispo, o rei D. Pedro, incautouse da fortaleza da Rocha, onde no ano 1320, morrera asasinado a mans dos homes do Arcebispo Fr. Berenguer de Landoira, D. Alonso Suárez de Deza-Churruchao, Adiantado Maior de Castela, -irmán de D. Diego Suárez de Deza, que os seus restos repousan nun sarcófago, na capela dos Deza, adosada polo lado sur, á basilical igrexa de San Pedro de Ansemil, -que era o pai, do que algúns autores din, que “estaba á beira do rei D. Pedro”, vendo como o seu sobriño D. Fernán e o Galiñato, lle daban morte a D. Suero e ó seu Deán Pedro Álvarez de Toledo.

Morto o Arcebispo, o rei D. Pedro I, fíxolle entrega “de tódalas fortalezas da Mitra Compostelá” a D. Fernando de Castro, que “quedou en Galicia con bastante poder e nas terras de León, como Adiantado”[7].

Despois do asasinato do arcebispo e do deán, Fernán Pérez de Deza-Churruchao e Alonso Gómez Galiñato, saíron de Compostela, polo camiño de Ponte Ulla, non podendo aguantar nin soportar o peso da protesta popular.

A igrexa foi moi dura cos asasinos de D. Suero, sobre todo, co Churruchao, ó que declarou ¡“excomulgado vitando”!. O Galiñato, parece que ó final da súa vida, tivo mellor sorte, gracias á intervención do abade do mosteiro de Melón. Do seu testamento podemos entrever que esa excomunión, lle sería levantada, pois di: “Eno nome de Deus, amen… Sabban quantos este testamento uiren…sendo saao e com saude et con todo meu entendemento, qual me Deus quiso dar, pero temendome de morte, que, he cousa natural…Primeiramente, dou a miña alma a Deus, que a comprou pello seu sangue preçioso, et rogo a Santa María, súa Madre, que rogue a Deus por min, que me queira perdoar e me libre aa ora da morte et ao dia do juyso, et mando enterrar miña carne eno cimiterio do mosteiro de Sancta María de Melón, aly hu yas meu padre, et mando conmigo ao dito mosteiro quantos erdamentos et couterías e detereituras que eu ayo eno couto de Beran et fregresía de Sam Vereixemo de Berán et quantos erdamentos et couterías et dereitos eu ayo ena fregresia de San Christouoo de par de Ribadavia…Esto lle mando ao dito mosteiro por condiçión que se esqueçeer por alguúns pecados, quando for meu finamento, eu andar em alguuns casos descumoión, que o abade e convento que eno tenpo for que me faça soltar da dita escumoión, em maneira que eu aia offizio eclesiastico et os omes que conmigo uiuisen ao dito tenpo que foron ou fosen ena dita escumoión conmigo…e ao sobredito mosteiro de Santa María de Melón, que o aia et cumpra e faça comprir esto que eu mando pollo meu e sem seu dano. Rogo por ende et eu ogo tódalas outras mandas e condiçillos que ey feitos ante desta, salvo esta que quero eu seia miña manda e miña postromeyra uoontade…Testemuyas que presentes foron, chamadas e rogadas do dito Gomes Galinato : frey Pedro, morador ena dita grania do Mato, frade do mosteiro d’Oseyra; frey Johán, frade do mosteyro de Sobrado, morador ena dita granaia do Uarón; Gonçaluo de Fraga, escudeyro; García escriuán, morador en Cauadoso, e outros. Eu Garçia Frnandez, notario del Rey en terra d’Orzellón, a esto presente foy e este testamento e manda em miña presença fiz escriuir e meu sinal y fiz en testemuyo de uerdade que tal est. (Asinado)[8].

A morte do Arcebispo serviu de tema literario, tanto na época dos acontecementos coma na posterioridade. Fixéronse todo tipo de conxeturas e unha morea de lendas xurdiron arredor das figuras de D. Fernán e de D. Suero. Falouse de que a crueldade do Arcebispo e a súa lascivia, foron as causas da súa violenta morte, pois dicíase que raptara a unha irmán do Churruchao e que tivera ó seu pai, varios anos preso nun escuro calabozo, por querer este, defender a honra da súa filla. Esta ultraxe, enardeceu os ánimos de D. Fernán, que xurou matar “ó violador da paz e da honra da familia, guiado pola viuva do que fora o Adiantado Maior de Castela: D. Alonso Seárez de Deza”[9].

Debemos dicir que hai unha gran confusión, non só nas razóns que levaron ó Churruchao a cometer este crime, senón en canto a saber, a mesma filiación de D. Fernán. Di Vicetto, baseándose en Ayala, cronista da época, “que Fernán Pérez de Deza no era hijo de D. Alonso Suárez de Deza, sino de algún Churruchao pariente suyo, el más allegado, y por consiguiente, adherido, como si fuera hijo de la señora de Camba, a la venganza de que esta llevó a cabo según el impreso referente a la nobleza de su casa”[10].

O que sí é certo, é que o ¡Churruchao, asasinou ó Arcebispo de Santigo! pero “nin houbo tal rúa da Balconada…”, como dicía a cantiga popular, recollida por varios autores:
“Pretiño da rúa Nova,
na rúa da Balconada,
mataron ó Arcebispo
por celos dunha madama”[11].

“… nin Don Suero foi asasinado o día 4 de xuño no que aquel ano cadrou a festa de Corpus, senón o 29; nin recibíu a ferida mortal pola mañán, senón á tarde, despois da sesta, nin puido ter encerrado vinte anos ó pai de Fernán Pérez, pois en Santiago a penas estivo catro anos”[12].

Sucedeu a D. Suero como Arcebispo de Compostela, D. Rodrigo de Moscoso, que nomeou pertigueiro maior de Santiago ó conde D. Pedro Enríquez de Castro, primo carnal do rei D. Juan I o día 29 de xaneiro do ano 1372, coas mesmas posturas e condicións coas que tivera anteriormente D. Pedro Fernández de Castro. Entre as posturas e condicións figuraban o que non poidese ter casa en Santiago, nin edificar nin poseer castelos nas terras de Santiago, nin exercer a xurisdición ordinaria, nin impoñer novos tributos. De todo canto estaba escrito, fixo Fernández de Castro, caso omiso. Así, no ano 1375 apoderouse da casa que lle deixara á igrexa de Santiago, o coengo D. Rodrigo Rodríguez, habitándoa como a súa vivenda. Apropiouse da Torre da Barreira, reconstruíndoa de novo e nomeou nese ano Xuiz-Meiriño de Montes a D. Fernán Pérez de Deza-Churruchao, ó que tomou como vasalo, aínda sendo “excomulgado vitando”. O pertigueiro D. Pedro, presentouse nunha ocasión en Santiago, na véspera da festa do Apóstolo co Churruchao, e fíxolle suspender ó Arcebispo os oficios divinos, porque segundo a lei entón vixente, a presencia dun excomulgado, destas características, nunha cidade, impedía a celebración dos oficios divinos[13].

Sucedeu na sede compostelá a D. Rodrigo de Moscoso, o Arcebispo D. Xoán García Manrique, que o primeiro que fixo foi impedir que as atribucións do pertigueiro maior, como as que tiña D. Pedro, conde Trastámara, quedaran nunha soa persoa. Dado este paso “o Arcebispo D. Xoán, procedeu a recobrar as facendas da Igrexa que o Conde D. Pedro tiña detentadas. Sostivo con el un longo preito sobre as fortalezas da Barreira e a do Castro de Montes”[14].

En canto á torre da Barreira, dicía o conde, que era súa, porque a herdara de Pedro Iáñez Saraza, segundo un testamento otorgado na cidade de O Porto no ano 1371, no que Pedro Iáñez lle legara a Torre da Barreira con outros bens.

No tocante ó Castelo do Castro de Montes dicía que primeiro fora de D. Pedro Fernández de Castro, despois de D. Álvaro Pérez de Castro e que cando este se fora para Portugal, deixárallo á súa filla Dona Isabel, que era a súa dona.

O Arcebispo de Santiago levou este preito “diante dos Oidores da Real Audiencia: D. Pedro, Arcebispo de Toledo; D. Gutierre, bispo de Oviedo e os Doutores Xoán Afonso, Pedro Fernández e Alvar Martínez, os cales, oída-las partes e examináda-las probas por cada un deles alegadas, fallaron que a parte do Arcebispo ‘probara ben e cumpridamente toda a súa intención.... a razón das ditas casas fortes da Barreira e do Castro de Montes’”[15], e obrigaron ó conde a que nun prazo de trinta días, lle fixera entrega ó Arcebispo das referidas fortalezas, condenandoo, ademáis ós custes, que ascenderan a mil trescentos cincuenta e nove maravedís. A sentencia foi pronunciada en Torrijos o 17 de marzo de 1384[16].

Pero o conde D. Pedro tomárelle moito cariño a estas dúas fortalezas e foi buscando pretextos para eludir o cumprimento da sentenza, ata que o 24 de novembro de 1388 atopáronse ambos en Medina del Campo e nomearon como árbitros competentes a D. Fernán Pérez de Andrade e a D. Juan Rodríguez de Biezma e como terceiro a D. Lope Gómez de Lira, ós que lle deron amplos poderes para que “ poideran como mellor lles parecera ramatar a cuestión e executar a sentenza arbitral, impoñéndolle a pena de dez mil ‘doblas’ de ouro casteláns ó que non quixera aceptar”[17].

Así, reunidos os árbitros, en Medina del Campo, o día 10 de decembro dese mesmo ano de 1388, despois de tratar e deliberar sobre todo este asunto, “pronunciaron que o Conde D. Pedro nunca tivera dereito algún sobre a Torre da Barreira nin sobre a Terra de Tabeirós, dependente da mesma, nin sobre a Fortaleza e Terra do Castro de Montes, nin tampouco sobre as casas da Praza de Mazarelos, na cidade de Santiago[18].

Deste xeito, o Arcebispado de Santiago, recuperou de novo o Castelo do Castro de Montes, que dende a morte de D. Suero, por unhas circunstancias ou outras, estivera en mans alleas á mitra, á que por xustiza e por dereito lle pertencía.

Posiblemente fora nesta data, cando D. Fernán Pérez de Deza-Churruchao deixou de ser xuíz meiriño de Montes, abandoando o Castelo do Castro. Rodriguez Fraíz, non concreta a data do seu cese, aínda que sí dá a da súa segunda volta, como xuíz de Montes: “...é posible que Fernán Pérez ocupara de novo a fortaleza de Montes, ó apoderarse dela D. Pedro Enríquez de Castro, no ano 1375, sendo arcebispo D. Rodrigo de Moscoso”[19].
Pero o paso do Churruchao por Presqueiras foi deixando detrás de sí todo un mundo de lendas e misterios que se perderon nos tempos que pasaron e nas desaparecidas pedras daquela enorme fortaleza, onde un “excomulgado vitando”, impartía xustiza entre os veciños desta xurisdición.
[1] López Ferreiro, A. Historia de la S. I. de Santiago. Tomo V. Apéndices. Nº I, paxs. 3-
[2] Fueros Municipais de Santiago. Tomo II, Cap. XLVI, pax. 145.
[3] España Sagrada. Apéndice Nº LI Tomo XLI.
[4] Cartas de los Antiguos Reinos de León y Castilla. Ed. de la Academia de la Historia, T. II.
[5] López Ferreiro, A. Hª de la S. Iglesia de S. Tm. VI. Cp. VII. Pax. 170.
[6] López Ferreiro, A. O.C. Tomo VI, Cap. VII. Pax. 171.
[7] Crónicas del Rey D. Pedro año XVII, Cap. XIII.
[8] Ferro Couselo, X. A vida e a fala dos devanceiros, I, doc. Nº 58, paxs. 94-97.
[9] Ler: H. de Galicia, de Benito Vicetto, pax. 309-312.
[10] B. Vicetto. H. de Galicia, Cap. XVI. pax. 313.
[11] B. Vicetto, H. de Galicia, Cp. XV. pax. 309.
[12] López Ferreiro, A. H. da S. I. de Santiago, T. VI, Cp. VII. pax. 176.
[13] O. C. pax 214.
[14] O. C. Cap. IX. pax 224.
[15] O.C. pax. 224-225.
[16] Tumbo B. Fl. 290.
[17] López Ferreiro. O. C. Cap. IX, pax. 225.
[18] Galicia Histórica. Col. Diplomática. Doc. XI e XII.
[19] Rodriguez Fraiz, A. Secciones de Ciencias Eclesiásticas y Estudios Jacobeos, pax. 348.

No hay comentarios: