I.- CONTEXTO HISTÓRICO DA TERRA DE TABEIRÓS.
A terra de Tabeirós, doada á Igrexa do Santo Xacobe por Dona Urraca tivo o seu centro de poder, por medio de xuices meiriños nomeados polos Arcebispos e o Cabildo da Mitra Compostelá na Fortaleza da Barreira, verdadeiro signo de poder ata que foi derrocada polos Irmandiños e posteriormente, esquilmada ata quedar reducida a uns mínimos vestixios cubertos de maleza.
A Igrexa de Santiago ou a Dignidade Arcebispal, como se coñece ás veces, recibeu sobre todo, por parte dos monarcas e dos nobres unha enorme cantidade de riquezas e terras que lle deron poder e prestixio ós Arcebispos que a rexiron. Pero estes, sempre desconfiados destas doacións, que ás veces facíanse por compromiso momentaneo ou por un agradecemento puntual, tentaban por tódolos medios que esas doacións foran corroboradas polos novos reis que subían ó trono e sobre todo polos sumos pontífices, para que foran estes, co seu prestixio universal, os que lle deran lexitimidade cuase transcendente a estas dádivas. Estas confirmacións facías o papa por medio de bulas pontificias, nas que, despois de facer a súa presentación, daba unha relación dos territorios pertencentes á mitra e seguidamente unhas aseveracións para salvar de calquera codicia humán estas posesións. Quedaban deste xeito estas terras como sacralizadas e impedidas para que sobre elas se fixera un ataque por parte da nobreza, tan común na época medieval.
A primeira doación importante failla a Igrexa de Santiago Dona Urraca e data do 3 de xaneiro do ano 1115: “… eu Urraca, raiña de España pola gracia de Deus á unha co meu fillo Don Alfonso, xa bendecido e consagrado para as altas dignidades do reino; para remedio da miña ánima e da dos meus parentes, fago esta escritura de conformidade, a favor da Igrexa do Santo Xacobe e para ti Don Diego, segundo bispo desa igrexa…de todas estas herdades e igrexas que se detallan: en primeiro lugar, Camanzo co seu mosteiro e coa súa fantástica riqueza e co seu beneficio…E doulle ademais, a seis igrexas que están arredor do Castro de Bite e o río Ulla, co seu saión, co seu débito e co seu foro…para que así, igual que as eu ostentei ata o de agora con todo o meu dereito, dende este día, todas estas posesións leven consigo, baixo o meu xuramento, o dominio do Santo Xacobe e así sonlle entregadas e confirmadas…Estas son as igrexas do Castro de Bite, que a man do escribán omiteu por esquecemento: …San Martiño de Dornelas, Santa María de Río Malo, San Salvador de Río Malo, San Miguel de Castro, Santa Eulalia de Cira e San Pedro de Orazo, coa súa xente e coas súas pertenzas. Eu Urraca, raíña de España pola gracia de Deus, firmo esta carta que mandei facer polo meu propio poder e autoridade. (1)
(1) López Ferreiro, A. Historia de la Santa A.M. Iglesia de Santiago, T. III. Apéndices Nº XXXII. Traducción do latín ó galego: Gulías Lamas, X. Revista “O Quince” 2004. Ed. Concello de Beariz. pax. 21-23.
O día 8 de abril do ano 1154 o papa Anastasio IV confírmalle á Igrexa de Compostela os seus previlexios e as súas posesións: “…Anastasio, bispo, servo dos servos de Deus…ó irmán Pelaxio, bispo desa Igrexa, … polo que lle confirmo as posesións que esa Igrexa ten en …Montes quos Suarios Froilet quendoque a vestra ecclesia tenuit. Taveirolus cum ecclesiis et possessionibus quas ibi habeatis… Eu Anastasio, bispo da Igrexa católica. Custodi me Domine, tu pupilam oculi. Dada en Letrán no ano MCLIIII, sendo Pontífice Anastasio IV. Primeiro ano do seu Pontificado”.(2)
(2) Tumbo B. fol. 266.
O día 3 de setembro do ano 1165 o rei Fernando II dónalle as Terras do Deza á mitra Compostelá como desagravio polas inxurias que esta recibira con motivo da aversión que lle tomaran ó arcebispo Don Martín. Neste documento sinálanse os lindes das terras de Deza “…imprimis quomodo dividit ipsa Decia cum castello Cirae… et inde quomodo dividit cum Taveirolos e inde quomodo dividit cum Montibus…”(3)
(3) Tubo A. fol. 48; Tumbo B. fol. 70. López Ferreiro. Hª de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. Tomo IV. Apéndices. paxs 89-91.
O día 12 de abril de 1173 dispúñase a partir para Roma o bispo de Salamanca e Arcebispo electo de Santiago D. Pedro Suárez de Deza que fixo na igrexa Compostelá varias reformas entre as que cabe suliñar a distribución da diócese en cinco distritos, adxudicándolle ó Deán o goberno e a administración dun deles e os catro restantes a catro Arcediáns. O título que asignou a cada un dos catro arcediáns foron o de Nendos, o de Trastámara, o do Salnés e o de Cornado. Estes catro subsistiron ata o Concordato de 1851. Ó Arcedián do Salnés correspondíanlle os Arciprestazgos de Montesacro (Ribadumia), de Tabeirós, dos dous Montes (Montes e Cotobade), de Moraña, do Salnés e do Morrazo. (4)
(4) López Ferreiro, A. Hª de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. T. IV. Cap. XV. paxs. 311 e seguintes.
Na constitución que se fixo o 17 de maio do ano 1177 pola que o mesmo Arcebispo D. Pedro III fixou o número e as atribucións dos Arcediáns da Igrexa de Santiago fálase dos “…Archipresbiteratibus de Montesacro et de Tabeirolis et de utriusque Montibus”.
(5) López Ferreiro, A. Hª. de la Santa A.M. Iglesia de Santiago. Tomo IV. Apéndices. paxs. 122-124.
Todas estas posesións e previlexios da Igrexa de Compostela son de novo confirmados mediante a Bula de Alexandre III que di así: “ Alexandre, bispo, servo dos servos de Deus, ó venerable irmán Pedro… confirmo as posesións que ten esa Igrexa “…de Montibus utriuque, de Taberiolis et de Cira, de Pilonio…Montes quos Suarios Frile quandoque a vestra ecclesia tenuit cum altera medietate integros; Tabeirolos cum ecclessies et posessionibus quas ibi habeatis… Eu Alexandre, bispo da Ig. Católica, confirmo: Vias tuas, Domine, demostra mihi. Dado en Letrán a 13 días das Kalendas de abril do ano da encarnación do Señor de MCLXXVIII, do ano XX do pontificado do papa Alexandre III”. (6)
(6) Tumbo B. fol. 234. López Ferreiro, A. Hª. de la Santa A. M. Iglesia de Santiago, T. IV. Apéndices pax. 134.
En pleno século XII xa estaban perfectamente definidas pois asi atopamos unha referencia o día 8 de maio de 1187, cando Pedro Muñíz Tacón e a súa dona María Pelaez donáronlle á Igrexa de Santiago “unha erdade en Moimenta, nas terras de Tabeirós…” (7)
(7) Tumbo C. fol 180. / OC. Tomo V. pax. 23.
No ano 1188, é o rei Alfonso IX de León quen lle confirma á Igrexa de Santiago as súas posesións: “…Eu o rei Alfonso, igualmente que o fixera o noso pai, o victoriosísimo señor, o rei Fernando…confirmamos e corroboramos a perpetuidade e para sempre as vosas valiosas posesións entre as que enumeramos as seguintes: Deza, Salnés, Citofeita, O Burgo, que se coñece como Pontevedra coa igrexa e terras; a que se coñece como val do Morrazo; a terra que se chama Montes na que está o castelo de Cotobade e a metade daqueles Montes que foron de Suárez Frilaz, aínda que a outra metade xa a poseía a vosa igrexa; as terras de Superato co mostesteiro de Mezonzo; toda a cidade de Compostela; o Burgo do Faro…as terras que ten en Castela o santo Xacobe; a metade de Souto e as que están onda o Burgo da ribeira do Avia; a metade de Rebordáns e Amarantes…” Esta carta foi redactada en Zamora nas IV nonas de maio da era MCCXXVI, reinando D. Alfonso, rei de León, Galicia, Asturias e Extremadura. (8)
(8) Tumbo A. fol. 58. Lópeza Ferreiro, A. Hª de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. Tomo V. Apéndices, paxs. 3-7.
Tabeirós, co seu centro capitular na Barreira, foi gobernado por medio de Xuices meiriños que emanaban o seu poder directamente do Arcebispo e do cabildo compostelá. Había tamén os xuices seglares que aparecen nos tempos de Alfonso X, o Sabio e a forma de elección foi acordada no artigo II do Diploma expedido por este rei, en Sevilla o 21 de febreiro de 1261. Nun principio o nomeamento destes xuices seglares, dependian tamén directamente do prelado. Máis adiante os burgueses aspiraron a participar neste nomeamento e estas dúas tendencias puxoasen armonía o rei Alfonso X, co citado Diploma. A lei mandaba que o día primeiro de cada ano o Concello presentara unha proposta de doce homes honrados para que entre eles o Arcebispo elexira dous “dos que pensara foran mellores para o cargo”. (9)
(9) López Ferreiro, A. Hª de la Santa A. M. Iglesia de Santiago. Tomo IV. paxs. 214-215.
Pero a elección dos meiriños, que eran os que estaban ó forontes das fortalezas da mitra e eran os reponsables de defendelas de calquera ataque, ó tempo que impartían xustiza, segueu dependedo directa e exclusivamente do Arcebispo ou do cabildo, no caso de que a sede estivera sen mitrado, como sucedeu na vacante que segueu á translación de don Alonso de Fonseca á diócese toledá. Neste caso, o Cabildo, o 9 de maio de 1524 nomeou vicarios capitulares ó Chantre D. Xoán de Melgarejo e ó coengo, D. Xaquín Auñón. Dous días despois, o Cabildo facultou ó bispo de Trípoli, D. Pedro de Soto, para exercer pontificais en toda a Diócese de Santiago. Por eses días procedeu o Cabildo a nomear Vicarios e Alcaides (Xuices Meiriños) das fortalezas pertencentes á mitra e a recibir o xuramento dos confirmados en tales cargos. Así, o 9 de maio, Xoán de Cangas, alguacil que fora do arcebipo D. Alonso, presentou a vara no Cabildo e xurou desempeñar ben e lealmente o seu oficio, asignándoselle un salario de 1500 marabedís mensuais. O mesmo Cabildo nomeou Vicarios na Audiencia Metropolitana de Salamanca ós licenciados Figueroa e Mohedano; Vicario da Coruña e da súa xurisdición ó coengo da Colexiata D. Xoán López de Prabio e Alcide maior a D. Francisco de Rivas. “…nos días seguintes recibeuse o xuramento de Arias Pardo, (pai do futuro arcebispo de Santiago, D. Xoán Tavera), alcaide da Barreira, xurisdición de Tabeirós; de Alvaro Xuarez, alcaide de Montes; de Gregorio de Valladares, alcaide de Lobeira; de Fernán Díaz de Ribadeneira, alcaide de Mesía; de Rodrigo Fernández de Noguerol, alcaide de Rodeiro… de Gómez García de Campo, alcaide da fortaleza de Rivadulla…” (10)
(10) López Ferreiro, A. La Iglesia Compostelana en el siglo XVI.Cap. III. pax 83 e segts. Ver “Revista Cultural O Quince 2004”, Ed. Concello de Beariz, pax. 25.
A traveso da Idade Media, Tabeirós non só aparece nos documentos relacionados coa Igrexa de Santiago, á que pertencía por doación real e da que tiña dependencia executiva, lexislativa e xurídica, senón tamén en documentos moi alleos a estes porque varios dos fillos destacaron no mundo das letras, tan pobres e escasas por esas datas. Asi, se nos remontamos ós tempos de D. Rodrigo Gómez de Traba, que era o principal señor de Galicia, nos tempos do rei Alfonso XI, este nobre, tiña na súa casa e servidume dun príncipe. D. Rodrigo
XESÚS ANTONIO GULÍAS LAMAS, Santa María de Beariz de Montes, 2005.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Xesús, quería contactar con vostede para consultarlle algunhas dúbidas sobre a Torre da Barreira, pero non localizo o seu correo electrónico. Poderíame escribir a magago@gmail.com. O meu nome é Manuel Gago e pode consultar o meu blog en http://www.manuelgago.org/blog/
Publicar un comentario